"Facían dela un saco de boxeo", di a familia da nena acosada nun colexio de Vigo
As familias do Colexio Monterrey de Vigo concentráronse esta sexta feira ás portas do centro educativo para denunciar un caso de acoso escolar cara a unha nena de cinco anos no, que segundo afirman, non sería un feito illado, dado que “se abriron outros tres expedientes” no mesmo centro. O Colexio sancionou cinco alumnos.
Un portavoz das familias leu ao final da concentración un manifesto no que describiron a experiencia da menor como "unha historia que ninguén debería vivir". Afirma que o colexio recoñeceu que existiron situacións de violencia, mais desbotou formalmente o acoso escolar, aplicando unicamente un "procedemento corrector interno", o que as persoas concentradas consideran insuficiente para uns feitos que cualifican de graves.
Os proxenitores relataron que durante polo menos dúas semanas, a súa filla sufriu agresións físicas, insultos e humillacións por parte de alumnos de sexto de Primaria [de 10 e 11 anos], mentres ela interpretaba, pola súa curta idade, que se trataba dun xogo.
Entre as condutas denunciadas polo pai, detalla que estes alumnos lle quitaban á nena zapatos e calcetíns, arrastrábana polo chan, tirábanlle do pelo, subíana a árbores e cubríanlle a cabeza con suadoiros para golpeala "como se fose un saco de boxeo".
O colexio abriu cinco "procedementos correctores con sancións" no marco da investigación iniciada tras a denuncia da familia da nena. Segundo informaron fontes de Educación, o equipo de actuación contra o acoso escolar do centro, composto por varios profesores, tras as investigacións iniciais, determinou que existiron "condutas contrarias á convivencia" e por iso abríronse os procedementos sancionadores aos alumnos implicados. As mesmas fontes explicaron que o servizo de Inspección Educativa "seguirá supervisando o correcto desenvolvemento por parte do centro do procedemento establecido no Protocolo Educativo para a prevención, a detección e o tratamento do acoso e o ciberacoso escolar".
Maior sensibilidade
Miguel Calvo, educador social e membro do Equipo de Orientación Específico para os centros de Pontevedra, sinalaba esta sexta feira a Nós Diario que "non todas as situacións de violencia son acoso", e que por iso hai un protocolo estabelecido para determinar cando é ou non. Afirma, en todo caso, que sempre "hai que protexer a vítima, acompañala emocionalmente e contar coa familia"Mais que, ao falar de menores, nos casos de acoso "tamén hai que desenvolver medidas pedagóxicas cos presuntos agresores", "somos centros educativos, non policías", recalca.
Calvo apunta a que os equipos docentes "están máis sensibilizados" para detectar posíbeis situacións de acoso que antes e tamén acredita en que as redes sociais o que fan moitas veces é "estender o acoso".
A memoria relativa a 2024 da Fiscalía Xeral do Estado e presentada este ano cuantifica por primeira vez como tal as situacións de acoso escolar que adquiren tal gravidade que requiren da intervención da Fiscalía. No caso da Galiza, o informe dá conta de 75 delitos relacionados co acoso escolar durante o ano pasado que chegaron á institución.