Extinguido o incendio da Mezquita após calcinar cerca de 90 hectáreas

Bombeiros forestais nunha imaxe de arquivo (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
As últimas estimacións ofrecidas pola Consellaría do Medio Rural sitúan a superficie afectada en 87,45 hectáreas, todas de superficie rasa.

Os efectivos contra incendios deron por extinguido o incendio forestal iniciado na noite da terza feira que calcinou máis de 87 hectáreas no municipio da Mezquita (comarca de Viana).

As chamas quedaron sufocadas minutos despois das 23.00 horas da cuarta feira, 25 horas despois de que se declarase o incendio na parroquia de Santigoso.

As últimas estimacións ofrecidas pola Consellaría do Medio Rural sitúan a superficie afectada en 87,45 hectáreas, todas de superficie rasa.

Na zona traballaron sete axentes, 23 brigadas, once motobombas, dúas pas e medios aéreos.

Provocado

Segundo a Xunta da Galiza, o incendio foi provocado, como apunta o feito de que as chamas se iniciaron en catro focos distintos de forma simultánea minutos despois de caer a noite da terza feira.