Extinguido o incendio de Laza, após arrasar 2.100 hectáreas nunha semana

O incendio de Laza, visto desde unha das aldeas da contorna. (Foto: Europa Press)
Só permanece activo o incendio de Pantón, que está estabilizado pero non controlado.

O incendio que afectaba o concello de Laza desde hai unha semana quedou oficialmente extinguido, deixando tras de si 2.100 hectáreas calcinadas após iniciarse na parroquia de Camba.

Así o anunciou a Consellería de Medio Rural, que informou de que o lume, iniciado o pasado 10 de agosto, quedaba definitivamente extinguido. Este incendio fusionouse cun orixinado no concello lindeiro de Chandrexa de Queixa.

Segundo recoñece Medio Rural, as precipitacións da última noite axudaron aos servizos de extinción a controlar e apagar gran parte dos incendios que aínda afectaban a Galiza.

Este incendio obrigou a activar a pasada semana a situación 2 de alerta pola proximidade das lapas ás vivendas do núcleo de poboación das Taboazas, aínda que non foi necesario desaloxar a ningún dos veciños.

Incendio de Pantón

A esta hora da mañá, o único incendio que permanece activo no país é o que afecta o concello de Pantón, despois de que se orixinasen no día de onte varios focos simultáneos na parroquia de Frontón.

Este incendio, que calcinou polo de agora 25 hectáreas, atópase en estado de estabilización desde primeira hora da cuarta feira, segundo informou Medio Rural, mais recoñeceu que aínda non puidera ser controlado.

Sobre o incendio de Pantón, o rexedor do municipio, José Luís Álvarez, asegurou que o lume tivo que ser "intencionado", xa que as autoridades detectaron até "sete puntos diferentes" de inicio por toda a parroquia de Frontón.