Extinguido o incendio de Cualedro após arrasar case 100 hectáreas

Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
O incendio orixinouse a pasada cuarta feira.

O incendio no municipio de Cualedro (comarca de Verín) ficou extinguido esta sexta feira após arrasar perto de 100 hectáreas desde o seu inicio na tarde da pasada cuarta feira.

Este lume, iniciado na parroquia de San Millao, chegou a saltar a terreo de Portugal. A súa extinción produciuse ás 15,45 horas deste 25 de xullo.

O incendio afectou unha superficie de 97,27 hectáreas en territorio galego. Case todo se corresponde con monte raso, con só 0,5 hectáreas de arboledo.

Para a extinción mobilizáronse: sete helicópteros, catro avións, 18 motobombas, 34 brigadas, 22 axentes, tres técnicos, tres pas e dúas unidades técnicas de apoio.

Entre os efectivos tamén participaron os bombeiros de Países Baixos que realizan unha estancia formativa na Galiza enmarcada no mecanismo europeo de Protección Civil.