A expedición francesa que busca material radioactivo fronte á costa galega xeolocaliza perto de 2.000 bidóns
A expedición oceanográfica francesa que ten como obxectivo avaliar o estado da Foxa Atlántica fronte á costa galega localizou máis de 600 novos bidóns radioactivos. Segundo explicou, a través a rede social Bluesky, Javier Escartín, director da investigación que se realiza a bordo do oceanográfico L'Atalante, o robot submarino UlyX localizou máis de 600 barrís, que suman, até o momento, 1.800.
Escartín detallou que a zona na que se realizou a busca xa fora supervisada en 1983 por un submarino francés operado en remoto, o Epaulard. Así, na actual inmersión produciuse unha "extracción exitosa" de núcleos de sedimentos, ademais de se recuperaren dúas trampas para peixes con cinco celeiros.
Toneladas de lixo nuclear
O buque oceanográfico francés L’Atalante iniciou a finais deste mes de xuño, a 650 quilómetros da costa galega, un estudo dos milleiros de bidóns depositados no fondo mariño entre os anos 40 e 80 do século XX a instancias do Centre National de La Recherche Scientifique (CNRS). Segundo datos de Greenpeace, calcúlase que durante case catro décadas, a industria verteu 142.000 toneladas de lixo nuclear en augas do Atlántico, uns 220.000 bidóns con residuos radiactivos.
A este respecto, a organización ecoloxista reclamou que tanto a Unión Europea como o Goberno español asuman a investigación que determine o estado da zona con maior cantidade de residuos radioactivos do planeta e as súas posíbeis consecuencias negativas para o medio ambiente.
A Xunta, a través da Dirección xeral de Calidade Ambiental, solicitou ao Consello de Seguridade Nuclear, dependente do Goberno, información sobre a expedición oceanográfica. Nunha carta remitida ao secretario xeral do Consello de Seguridade Nuclear, a directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría, solicita información a este departamento no marco das funcións da Xunta "en materia de residuos dentro da comunidade autónoma de Galiza".
Vixilancia da radioctividade
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tamén se dirixiuse á Comisión Europea "por cuarta vez", para saber dos residuos acumulados na Foxa Atlántica, descargados entre 1940 e 1985 por buques holandeses, belgas e británicos. Na resposta a unha das preguntas remitidas, a Comisión admitiu verificacións periódicas en virtude do Tratado Euratom, mais recoñeceu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns. Os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003.
É por iso que Miranda reclamou saber que pasos seguirá o órgano europeo "tendo en conta que non cumpriu despois de que a Comisión incluíse a vixilancia da radioactividade mariña fronte á costa da Galiza no programa de verificación de 2020".
Seguimento da misión francesa
Pola súa parte, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares remitiu tamén unha carta á Comisión Europea para interesarse polo liderado da devandita misión "dada a localización das verteduras e a natureza transfronteiriza do seu potencial impacto".
Casares reclama información sobre "o seu eventual impacto no medio" e consultou a posible participación ou seguimento por parte da Comisión dos resultados da misión francesa. Nun comunicado remitido aos medios, lembra que ao longo dos últimos anos a Comisión Europea reiterou o seu rexeitamento a investigar directamente o estado desta foxa "a pesar de recoñecer, xa en 2017, que non tiña coñecemento do estado dos residuos".