Exixen revogar o novo contrato de transporte escolar en Folgoso do Courel

Taxistas locais prestan actualmente o servizo no colexio de Folgoso do Courel (Foto: Cedida).

A Anpa do CPI Poeta Uxío Novoneyra presentou esta terza feira unha reclamación ante a Consellaría de Educación.

A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do CPI Poeta Uxío Novoneyra, no municipio de Folgoso do Courel, presentou esta terza feira unha serie de alegacións ante a Consellaría de Educación a respecto do novo contrato de transporte escolar.

As familias exixen a revogación do mesmo, ao consideraren que "incumpre a normativa vixente e vulnera dereitos e normativas europeas e estatais".

No documento remitido ás autoridades da ensinanza galega, salientan que a contratación proposta pola Xunta "non permite que os actuais adxudicatarios do servizo poidan optar a dita licitación".

Agora o servizo está a ser prestado por taxistas autónomos locais que utilizan vehículos de até 9 prazas e que, no caso de perder definitivamente este contrato, "imposibilitarase manter o servizo de taxis no concello", o que pode provocar que se vexan na obriga de "buscar outras fontes de ingresos fóra do concello, aumentando así o despoboamento da zona".

Así mesmo, salientan que o novo contrato contempla o uso de vehículos de maior tamaño (de 10 a 25 prazas), o que sería un "risco" pola peculiar orografía desta zona de montaña.

Segundo apuntan, sería tamén un prexuízo para as crianzas, que botarían máis tempo no autobús ao suprimirse dúas das seis rutas que operan actualmente, alén de mudar algunhas das paradas. Deste modo, as cativas veríanse obrigadas a percorrer un traxecto de "máis dunha hora" para chegar á escola.

Por estes motivos, a Anpa anuncia a convocatoria dunha xornada de folga o vindeiro 8 de xaneiro, "á espera dunha solución definitiva por parte da administración que permita seguir co actual sistema de transporte".