Exixen a reversión da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro e do seu persoal ao ámbito público

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Por “incumprir” a concesionaria os compromisos e “primar os intereses económico” sobre a calidade.

CIG-Saúde remite esta quinta feira senllos escritos dirixidos ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade nos que exixe a reversión da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (HAC) e do seu persoal al ámbito público.

“O feito de que a empresa propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro sexa incapaz de cumprir os compromisos adquiridos demostra o risco que supón deixar en mans privadas aspectos substanciais da asistencia sanitaria”, afirma a central sindical.

“Que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de 6 anos da súa construción demostra que se primaron os intereses económicos da empresa concesionaria no canto da calidade da construción”, indica.

CIG-Saúde da comarca de Vigo fai esta reclamación no marco dunha máis xeral: “a reversión total” da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro para recuperar a xestión pública do hospital e dos aspectos incluídos no perímetro desa concesión.

“Mais neste momento consideramos que os feitos son de tal gravidade que nos obrigan a esixir ao presidente da Xunta a reversión das instalacións da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro e do seu persoal e a recuperar a xestión pública, tal e como se facía no antigo Hospital Xeral, para garantir unha prestación esencial para a asistencia sanitaria da cidadanía da nosa Área sanitaria”.