Excarcerado o condutor dunha furgoneta que bateu contra un muro en Esgos

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Após o accidente era incapaz de saír ao exterior polos seus propios medios.

O condutor dunha furgoneta tivo que ser excarcerado tras sufrir un accidente na parroquia de Vilar de Ordelles, en Esgos (comarca de Ourense), após bater contra un muro. Este home, único ocupante do vehículo, foi liberado por efectivos dos bombeiros de San Cibrao das Viñas e atendido polos servizos sanitarios.

A central de emerxencias do 112-Galiza recibiu o aviso contra as 21 horas desta quinta feira. Unha persoa particular informou dunha furgoneta que acababa de chocar contra un muro, no quilómetro 135 da estrada OU-536.

Segundo recolle o parte do 112, o condutor do vehículo era incapaz de saír ao exterior polos seus propios medios. Así, foron mobilizados, alén dos Bombeiros de San Cibrao, o servizo de Urxencias Sanitaris da Galiza-061, o GES de Pereiro de Aguiar e a Garda Civil de Tráfico.

Os Bombeiros liberaron finalmente o condutor, que estaba ferido e que foi atendido polo persoal sanitario. Tamén se ocuparon de realizar a limpeza da vía co fin de restablecer as condicións óptimas de circulación.

Coche envorcado en Tordoia

Por outra parte, ás 8.20 horas da mañá desta sexta feira o 112 tivo coñecemento dun coche envorcado na parroquia de Bardaos, en Tordoia (comarca de Ordes), á altura do quilómetro 2 da DP-8401. A persoa que conducía e única ocupante do vehículo puido saír polo seu propio pé, malia que nun primeiro momento se sinalara ao 112 que tiña dificultades para abandonar o vehículo.

Finalmente, foi atendida a bordo dunha ambulancia polo persoal do 061, que chegou a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Neste operativo colaboraron os Bombeiros de Ordes, a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Tordoia.