EUA pide datos para acceder ás redes dos detidos polo crime de Samuel

Concetración na Coruña contra as agresións lgtbifóbicas (Foto: Europa Press).
A xustiza quere analizar o envorcado de contidos dos móbiles pero en primeira instancia denegouse o acceso.

Estados Unidos de América (EUA) pediu ao Xulgado de Instrución número 8 da Coruña información para determinar se permite o acceso ás mensaxes en redes sociais como Instagram ou WhatsApp dos detidos polo crime de Samuel Luiz. Polo tanto, nun primeiro momento denegou eses datos.

Así o confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), despois de que por parte do xulgado se fixese un requirimento para ese efecto. 

Desde o TSXG, sinalaron que o fiscal norteamericano que ten que solicitar ao xuíz os datos pedidos polo Estado español -no sistema legal estadounidense é fiscalía quen asume esta función- entendeu que non podía "defender o caso" cos documentos que se lle mandaron.

Por este motivo "pediu que se ampliase a información e que se fixese a solicitude de novo acorde ás leis procesuais americanas, que son moi diferentes ás españolas", apuntaron desde o TSXG.

Analizar o envorcado de datos das persoas detidas

Desde o xulgado estiveron traballando nese tema en colaboración coa maxistrada de apoio do Estado español en Washington. "E está a piques de enviar outra comisión rogatoria adaptándose aos requirimentos das autoridades americanas". 

Segundo as mesmas fontes "ao mellor finalmente o asunto non prospera, mais os tribunais de alí aínda non se pronunciaron", apuntaron en relación a unhas actuacións vinculadas á investigación.

Entre outras cuestións, a petición céntrase en analizar o envorcado de datos dos móbiles das seis persoas detidas: cinco homes, dous deles menores, e unha muller. Deles, tres están en prisión en relación a uns feitos ocorridos na madrugada do pasado 3 de xullo no paseo marítimo coruñés.