Un estudo pide incorporar a perspectiva da diversidade sexual á sanidade galega
Galiza é a primeira comunidade do Estado español en contar cun estudo académico específico sobre a situación que atravesan en diferentes ámbitos as mulleres lesbianas no noso país. A situación dás mulleres lesbianas* en Galicia, un traballo dirixido pola profesora e vicedecana da Facultade de Ciencias Políticas da USC Amparo Novo, e que foi impulsado por LesWorking –a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e bisexuais e que preside a galega Marta Herraiz–, co apoio económico da Xunta da Galiza, presentouse esta quinta feira e en Compostela.
No equipo de traballo participaron o prestixioso investigador en ámbito queer Elpidio Domínguez Ruiz e a experta en xénero e política Marta Lois. Este traballo pioneiro analiza por primeira vez de forma específica e sistemática a realidade das mulleres lesbianas na Galiza, combinando datos da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais con entrevistas a mulleres galegas de diferentes idades e ámbitos. O estudo abrangue aspectos como a identidade, a visibilidade, a saúde, a discriminación, a violencia, o acceso a servizos e o papel da familia e das redes de apoio.
O estudo recoñece que na sociedade galega poden observarse indicios dunha maior aceptación da diversidade sexual. Con todo, seguen existindo espazos nos que as mulleres non se senten seguras ou respectadas. Destaca como unha das grandes materias pendentes a visibilización das mulleres lesbianas en espazos de poder e unha maior aceptación nas contornas laborais. No ámbito da saúde, precísase incorporar a perspectiva da diversidade sexual nas consultas médicas, con máis énfase nas xinecolóxicas."As mulleres lesbianas recoñecen que sofren discriminación no ámbito da atención sanitaria pública", recolle o citado traballo.