As estatuas do Mestre Mateo espoliadas polos Franco volven a Compostela
As esculturas de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo que formaban parte do Pórtico da Gloria da Catedral de Compostela e estaban en mans da familia de Francisco Franco desde 1954 volven á capital da Galiza. Unha sentenza da Sala do Civil do Tribunal Supremo (TS) de 18 de xuño, e coñecida esta quinta feira, outorga ao Concello de Compostela a propiedade destas dúas pezas que a familia do ditador gardaba no Pazo de Meirás, no concello de Sada, na comarca das Mariñas. Desta maneira, estima o recurso presentado polo Goberno da capital da Galiza.
O auto do alto tribunal español obriga os descendentes de Francisco Franco a devolver ao Concello de Compostela estas dúas importantes pezas do románico galego de finais do século XII ou comezos do XIII. Neste sentido, determina que as estatuas de Abraham e Isaac "pertencen ao Concello de Compostela", que as mercou o 4 de xuño de 1948 por 60.000 pesetas ao conde de Ximonde, Santiago Puga, nunha operación formalizada na notaría de Gonzalo Rey. A familia de Puga fixérase con estas obras no século XVIII, cando o seu antecesor Pedro de Cisneros as trasladou do edificio compostelán de Fonseca ao seu pazo de Vedra, na comarca de Compostela.
A sentenza desmonta os argumentos empregados pola familia do ditador para tentar acreditar a propiedade das pezas. Nesta dirección, apunta que os descendentes de Franco afirman que "por transmisión oral da súa familia, saben que Don Francisco Franco Bahamonde e Dona Carmen Polo Martínez-Valdés compraron as estatuas a un particular a través dun anticuario. E que en todo caso produciuse a usucapión ao non tratarse de bens de dominio público". Porén, conclúe que "non negaron que as estatuas obxecto da compravenda celebrada entre o conde de Ximonde e o Concello de Santiago de Compostela en 1948 fosen as posuídas polos demandados".
A resolución do Tribunal Supremo amósase moi dura coa sentenza do xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid, que en febreiro de 2019 rexeitou unha demanda do Concello de Compostela formulada dous anos antes e recoñeceu a propiedade da familia do ditador sobre as estatúas de Abraham e Isaac. A este respecto, indica que nesa resolución "produciuse un erro patente na valoración da proba porque a identificación das estatuas reivindicadas como as que están en poder dos demandados é clara e despréndese sen lugar a dúbida dos documentos achegados e do informe pericial emitido sen posibilidade de dúbida".
A sentenza coñecida este 19 de xuño pon fin a unha batalla política, social e xudicial de anos. Malia que as pezas pasaron a mans do ditador en 1954, os primeiros intentos para restituílas ao patrimonio público non se produciron até finais dos anos 80, cando o Goberno tripartito da Xuntad a Galiza (formado entre 1987 e 1990 por PSdeG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego) abriu un procedemento finalmente infrutuoso. Unha década despois, á volta de 2000, a deputada do BNG María Pilar García Negro volveu interesarse polas mesmas, admitindo o daquela conselleiro de Cultura de Manuel Fraga, Jesús Pérez Varela, que non se realizara ningunha xestión para recuperalas.
A segunda década do século XXI foi decisiva na batalla para devolver a Compostela as esculturas de Abraham e Isaac. Se en 2012 o concelleiro nacionalista Rubén Cela defendeu no plano da capital da Galiza o retorno das imaxes á cidade, en setembro de 2017 o Concello de Compostela aprobou por unanimidade unha moción de Compostela Aberta e do BNG para recuperar as pezas. Neste contexto, os nacionalistas promoveron diversas mobilizacións, entre elas un fechamento na Catedral de Compostela, e o alcalde da cidade, Martiño Noriega, procedeu a reclamar xudicialmente a titularidade das estatuas mediante unha demanda presentada en novembro de 2017.
As declaracións da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, valorando a sentenza son unha boa mostra da significación da resolución xudicial. Así, destacou que “é un día moi importante, un día grande para Santiago e para o conxunto da Galiza porque se fai xustiza”. Na mesma dirección, incidiu na relevancia da reivindicación, "unha loita en que a sociedade civil e as persoas que traballan na memoria histórica denunciaron e deron probas de como o patrimonio da familia Franco foi conseguido con base no espolio”.
Apoloxía do franquismo
Precisamente, a sentenza que obriga a familia Franco a devolver a Compostela as esculturas de Abraham e Isaac coñeceuse o mesmo día en que o Congreso dos Deputados español aprobou definitivamente a reforma da Lei que regula o dereito de asociación para poder disolver as entidades que fagan apoloxía do franquismo e que humillen as súas vítimas.
A norma, que contou co apoio de todos os grupos da Cámara, excepto do Partido Popular, Unión del Pueblo Navarro e Vox, estabelece como causa de disolución dunha entidade "a realización de actividades que constitúan apoloxía do franquismo".
A fortuna dos Franco, síntoma do réxime do 78
As imaxes de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo non son os únicos bens procedentes do espolio que posuían a familia do ditador na Galiza. Un exemplo paradigmático deste patrimonio é o Pazo de Meirás, cuxa propiedade litigan os Franco no Tribunal Supremo e onde se atopan outros bens de orixe dubidosa como as pías bautismais románicas do mosteiro de Moraime en Muxía, na Costa da Morte. Unha orixe semellante ten a coruñesa Casa de Cornide, un edificio do século XVIIII, cuxa titularidade desfrutan os descendentes do ditador.
A familia Franco incrementou de maneira considerábel o seu patrimonio durante as catro décadas da ditadura, mais o seu caso non foi ningunha excepción. Neste sentido, a historiografía adoita falar das fortunas de guerra para referirse ás miles de persoas en todo o Estado que se enriqueceron pola súa proximidade e colaboración co réxime. Un exemplo disto na Galiza foi Pedro Barrié de la Maza, propietario do Banco Pastor e de Fenosa, a quen a ditadura entregou Electra Popular Coruñesa, tras incautarlla ao deputado republicano Jose Miñones, fusilado en 1936.
As fortunas procedentes do espolio económico foron blindadas polo réxime institucionalizado na Constitución de 1978.