O Estado adxudica as obras de mellora da liña de tren en Vigo e Redondela
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel (Mitma) do Goberno do Estado adxudicou por 32,7 millóns de euros as obras de modernización da vía de tren entre as estacións de Redondela e Vigo.
A actuación, que inclúe 13 quilómetros de vía férrea entre estes dous municipios da comarca de Vigo, foi licitada no mes de xuño, dentro do marco de actuacións proxectadas na denomina liña do Miño.
Os responsábeis gobernamentais sinalan que esta actuación pretende un “novo impulso" á renovación da liña convencional de Ourense-Vigo. Neste sentido, destacan que busca reforzar “a súa capacidade e fiabilidade para impulsar o tráfico de viaxeiros e mercadorías”.
A obra adxudicada por Adif inclúe a renovación do trazado da vía entre Vigo e Redondela, coa actuacións nas estacións de Guixar (Vigo) e Redondela, no apeadeiro de Chapela (Redondela) e no túnel de Vigo.
As actuacións proxectadas para a estación de Redondela inclúen a construción dunha nova plataforma central, de maior lonxitude que a actual, o aumento das outras e a súa conexión a través dun paso inferior.
Adif construirá no barrio redondelán de Chapela un novo apeadeiro, cunha plataforma de 220 metros, nunha localización próxima a un aparcamento e a unha pasarela peonil sobre as vías.
As obras previstas na estación de Vigo-Guixar recollen novos desvíos de maiores prestación así como a prolongación da plataforma na cabeceira das vías para posibilitar a chegada e saída de trens de máis de 600 metros.
Túnel de Vigo
Os investimentos complétanse con actuacións no túnel de Vigo, mediante o reforzo da súa impermeabilización, o revestimento e drenaxe e a adaptación para a futura nova electrificación.