Catro incendios forestais seguen sen extinguir en Verín, Boiro, Ponte Caldelas e Caldas de Reis

O incendio de Boiro queimou máis de 2.000 hectáreas. (Foto: @Incendiosgalic1/Twitter)
Só na última semana arderon perto de 4.500 hectáreas na Galiza.

Catro incendios forestais permanecen sen extinguir aínda na Galiza, segundo o último balance da Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 8 horas desta terza feira. Trátase dos de Boiro, Verín, Ponte Caldelas e Caldas de Reis.

O de maior entidade, que se atopa estabilizado desde as 12.28 horas desta segunda feira, é o que se declarou a pasada quinta na parroquia boirense de Cures, que afectou tamén os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Tornou no cuarto maior fogo forestal do verán após os do Courel, Valdeorras e Vilariño de Conso en xullo.

Mentres, o de Verín continúa controlado desde as 11.51 horas desta segunda feira. Neste incendio, que segundo as primeiras investigacións principiou en máis de dez focos diferentes, arderon unhas 600 hectáreas.

Por outra parte, atópanse controlados os lumes da parroquia de Xustáns, na localidade de Ponte Caldelas —controlado ás 12.05 da segunda feira—, e o de Caldas de Reis, declarado na parroquia de Saiar e que se estendeu até o veciño concello de Vilagarcía.

No último parte de Medio Rural tampouco se aprecian cambios na superficie afectada nestes dous incendios, que se manteñen sen cambios: 380 hectáreas calcinadas no de Ponte Caldelas e 450 no de Caldas de Reis.

Incendios xa extinguidos

Aliás, a Xunta da Galiza deu por extinguidos os incendios que ficaban activos no municipio de Arbo. En concreto, o da parroquia de Mourentán foi extinguido ás 23 horas deste domingo, cunha superficie afectada de 485 hectáreas. O de Barcela, que se deu por extinguido á mesma hora, calcinou 82 hectáreas.

Esta segunda feira a Consellaría tamén notificou que extinguiu ás 3.40 horas un incendio forestal no concello ourensán de Calvos de Randín, que se iniciou ás 00.56 horas e que afectou 0,1 hectáreas de monte raso do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

En total, os incendios forestais que se produciron na última semana no país calcinaron xa unhas 4.500 hectáreas.