Estabilizado o incendio forestal de Salvaterra, que calcinou xa 30 hectáreas

Loita contra o incendio en Salvaterra, esta sgeunda feira. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

A Consellaría do Medio Rural deu por estabilizado o incendio forestal activo desde esta segunda feira na localidade de Salvaterra de Miño (O Condado), que calcinou ao redor de 30 hectáreas.

Tal e como trasladou o departamento autonómico, os efectivos de emerxencias confirmaron a estabilización deste lume ás 10.53 horas desta terza feira.

O lume iniciouse sobre as 15.45 horas desta segunda feira na parroquia de Pesqueiras e debido á proximidade ao núcleo de poboación de Castelo foi necesario activar nun primeiro momento a Situación 2 de emerxencia como medida preventiva.

Até o momento traballaron na súa extinción 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, tres pas, catro técnicos e unha unidade técnica de apoio. Ademais, participaron no operativo oito helicópteros e nove avións.

Entre estes efectivos, destacou a Consellaría, participaron tamén os bombeiros de Países Baixos que realizan unha estancia formativa na Galiza enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil.

A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Existe tamén un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.