Estabilidade da Covid na Galiza con lixeiras caídas de novos contaxios, casos activos e hospitalizacións

A incidencia da Covid mantén unha leve tendencia á baixa (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
O número de persoas coa infección activa por coronavirus mantense por debaixo de 10.000. A ocupación nos hospais galegos derivada da Covid baixa por terceiro día consecutivo, con tres doentes ingresados menos, pero catro máis en UCI.

Todos os indicadores da Covid melloran na Galiza, mais con lixeiras variacións que indican estabilidade da situación epidemiolóxica.

As infeccións activas non alcanzan as 9.500. A respecto da xornada anteiror o Sergas notifica, 294 casos menos. Os novos contaxiso tamén diminúen e roldan o medio milleiro. A presión hospitalaria descende e resta tres pacientes ingresados.

Así, segundo os datos feitos públicos esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade nas últimas 24 horas rexistráronse 498 novos positivos por coronavirus, a maior parte nas áreas sanitarias de Santiago e Lugo.

Así, os distritos de Santiago e O Barbanza anotaron 107 casos nas últimas 24 horas, seguida moi de preto polos de Lugo, A MAriña e Monforte, con 102 infeccións novas. A área da Coruña sumou 99 contaxios novos; Vigo, 75; Ourense, 42; Pontevedra, 38, e a de Ferrol, 35.

Casos activos

As infeccións activas mantéñense por baixo da barreira dos 10.000. Sitúanse en 9.486. Por áreas sanitarias, a da Coruña encabeza a baixada, con 184 infeccións activas menos, até quedar con 2.609, a cifra máis alta. Vigo rexistra 107 casos activos menos e queda con 2.073; Pontevedra, 33 menos e suma 795 infeccións en total; Ferrol anota 24 casos menos e queda con 696, e Ourense resta seis e mantén 688 casos.

Santiago e Lugo, son as únicas áreas nas que soben as infeccións activas, sumando 25 e 35 casos activos, respectivamente. Así, Santiago mantén 1.248 casos e Lugo, 1.377.

Presión hospitalaria e incidencia

Os datos publicados por Sanidade reflicten unha tendencia á baixa na presión hospitalaria, con 274 ingresados. Así, pese ao incremento de pacientes en UCI, catro máis nas últimas 24 horas -59 en total-, o cómputo global rexistra tres hospitalizados menos ao saír das plantas convencionais sete pacientes até os 215 que permanecen en unidades Covid.

A presión hospitalaria e a evolución dos pacientes nas unidades de coidados intensivos segue a ser unha prioridade para as autoridades sanitarias que, de momento, tampouco perden de vista a incidencia acumulada nos diferentes territorios.

Segue a ser desigual, con alzas en Lugo e Santiago. Porén, no conxunto da Galiza a incidencia baixa mais sen grandes avances. A sete días sitúase en 144 casos por 100.000 habitantes mentres que a 14 días alcanza os 306 casos.

Falecementos 

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.552 persoas con Covid. Os dous últimos decesos notificados corresponden a dúas mulleres maiores de 80 anos.