O proxecto de Oliver Laxe para o rural, referente para especialistas de sete países europeos
Un grupo de expertos e expertas de sete países europeos visitaron en Navia de Suarna (Os Ancares) o proxecto liderado polo cineasta Oliver Laxe, unha iniciativa pioneira para incentivar a vida no medio rural que se desenvolve entre varios municipios da comarca, como Becerreá ou As Nogais.
A visita enmárcase no proxecto EDIN, coordinado polo Eixo Atlántico e financiado pola Comisión Europea, cuxo obxectivo é elaborar un conxunto de propostas para as políticas comunitarias en materia de reto demográfico, así como recopilar un catálogo analítico de boas prácticas que se aplican en varios países de Europa.
O proxecto de Laxe materialízase na rehabilitación de Casa Quindós, a antiga vivenda familiar dos seus avós na aldea de Vilela (Navia de Suarna). Esta casa converteuse nunha residencia temporal para familias que deciden asentarse no rural, axudándoas a atopar fogares deshabitados na zona e proporcionando a loxística necesaria para a súa instalación. Alías, é un centro sociocultural e punto de encontro comunitario, con cineclub, espazos de debate e actividades de convivencia, o que favorece a relación veciñal.
Na actualidade participan catro familias con crianzas nesta iniciativa, favorecendo o mantemento da escola local e evitando que os menores teñan que desprazarse diariamente até 18 km por estradas de montaña. Ademais da actividade residencial e comunitaria, o proxecto impulsa a recuperación dun castro de alta montaña próximo, un enclave que chegou a albergar até mil persoas dedicadas á extracción de ouro na antigüidade.
Falta de apoio institucional
O Eixo Atlántico anunciou que vai incluír este proxecto no catálogo de boas prácticas a nivel europeo, ao consideralo un modelo replicábel de política de repoboación rural. O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, lamentou que o apoio das Administracións a este proxecto sexa "moi escaso". Sinalou que "é lamentábel a falta de apoio público". Mao contrastou a ausencia de axudas a esta iniciativa coa achega de "fondos públicos a actuacións sen relación co futuro da Galiza ou, peor aínda, a proxectos industriais que degradan o patrimonio natural e as nosas rías". As palabras de Mao chegan nun momento de polémica entre a Xunta e colectivos profesionais e sociais pola instalación de Altri na Ulloa que afectaría tanto esa comarca como a ría da Arousa.