O Espazo de Encontro de Crentes Galegas solidarízase con Palestina

Recollida de auga o 22 de outubro de 2025 en Gaza. (Foto: Moiz Salhi / Zuma Press / ContactoPhoto)
O colectivo lembra que "estamos asistindo desde hai tempo, e de forma máis urxente e en directo nos últimos dous anos, ao xenocidio do pobo palestino coa pasividade da maioría dos países que non se atreven a impor sancións a Israel".

O Espazo de Encontro de Crentes Galegas e Galegos manifestou esta segunda feira a súa solidariedade co pobo palestino e instou aos gobernos "a que recoñezan o Estado da Palestina". "Como Espazo de Encontro de Crentes Galegas e Galegos, desde a nosa fe en Xesús e a nosa crenza en Deus Amor, liberante da opresión, defensa da vida e da xustiza, solidarizámonos co Pobo Palestino e instamos os gobernos a que recoñezan o Estado da Palestina e a que cumpran e fagan cumprir as medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Internacional de Xustiza en canto á suspensión de todo comercio de armas e material de defensa con Israel", explican.

A asociación reclama á comunidade internacional  "que cumpran e fagan cumprir as medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Internacional de Xustiza en canto á suspensión de todo comercio de armas e material de defensa con Israel".

O colectivo lembra que "estamos asistindo desde hai tempo, e de forma máis urxente e en directo nos últimos dous anos, ao xenocidio do pobo palestino coa pasividade da maioría dos países que non se atreven a impor sancións a Israel". 

O Espazo de Encontro de Crentes Galegas e Galegos denuncia o "inoperante labor da asemblea xeral das Nacións Unidas", o "papel do Goberno de Estados Unidos" e "a falta de contundencia da Igrexa Católica na condena destes feitos"

O grupo denuncia que "nestes dous anos teñen morto máis de 70.000 palestinos, entre eles nenos, nenas, civís, médicos voluntarios, perioditas..." e responsabiliza destes crimes aos "ataques de Israel" e á "prohibición de entrada de alimentos en Gaza". O Estado israelí, din, "ten causado, ademais da destrución, unha fame inhumana".

Impunidade

A entidade considera que "non sería xusto que, con este acordo de alto o fogo, quedara impune o xenocidio que Israel cometeu e segue cometendo en Gaza, e os crimes de guerra que ten cometido o Goberno e o exército israelí".

A asociación entende que a "pobo palestino necesita unha paz, unha xustiza e unha terra para vivir digna e humanamente como pobo".