Esgotadas todas as prazas de trens Santiago de Compostela-Vigo para a sexta feira

Estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
En pasadas semanas, usuarios e usuarias do servizo de Renfe puxéronse en contacto co xornal para denunciar que os trens que realizan este traxecto nas sextas feiras quedan sen prazas 24 e mesmo 48 horas antes do día en cuestión.

Nós Diario vén de constatar que todos os trens de Renfe que fan o traxecto Santiago de Compostela-Vigo durante esta sexta feira, 14 de outubro, están xa totalmente completos, nalgúns casos até 36 horas antes de partir.

Un traballador de Renfe confirmou a Nós Diario que case todos os convois, desde as 10 até as 23 horas, están coa totalidade de prazas ocupadas. No momento de escribir esta noticia, só os trens que saen ás 8.30 e ás 9.30 horas contan con prazas dispoñíbeis para facer o traxecto que vai desde a capital da Galiza até Vigo.

Non é a primeira vez que isto ocorre. En pasadas semanas, usuarios e usuarias do servizo de Renfe puxéronse en contacto co xornal para denunciar que os trens que realizan este traxecto nas sextas feiras quedan sen prazas 24 e mesmo 48 horas antes do día en cuestión.

A situación afecta tamén ás persoas usuarias que adquiriron o abono de Media Distancia de Renfe, co agravante de que a estas persoas, ao acceder cos datos do seu abono, aparécenlle a maioría dos trens con prazas dispoñíbeis, e é só cando intentan adquirir o correspondente billete canto a aplicación da compañía pública de ferrocarril non permite continuar co procedemento.

Segundo denuncian a Nós Diario persoas usuarias deste abono, este fallo da aplicación dificulta a planificación das súas viaxes, xa que en moitos casos non saben até un ou dous días antes cal será o convoi que terán que coller.

Servizo colapsado

Diferentes plataformas de persoas usuarias do servizo de Media Distancia de Renfe levan meses a denunciar a situación de “colapso” que sofren os servizos ferroviarios, o que deriva en moitos problemas para as persoas viaxeiras habituais á hora de adquirir billetes.

Os colectivos sinalan a Nós Diario que existe “un gran problema nos sistemas informáticos de Renfe, tanto na web como na aplicación móbil, que se atopan completamente saturadas”.

Esta situación supón que algunhas operacións non se poidan completar, principalmente con respecto á “reserva de prazas ou á cancelación das mesmas". Ademais “moitas prazas quedan bloqueadas e hai numerosas dificultades para acceder aos nosos asentos, porque non temos o código QR preciso”, indican desde as plataformas.