Escracho á conselleira de Traballo nunha xornada sobre 'Ética e empresa'

Faixa da concentración [Imaxe: Amaía]

Beatriz Mato encargouse da ponencia de inauguración das xornadas 'Ética e empresa', organizadas co obxectivo de "reflexionar sobre a importancia da responsabilidade social". O sindicato CIG convocou unha concentración de protesta ao denunciar 29 despedimentos na empresa Cogami, organizadora do acto.


Unha faixa co letreiro 'Cogami-Regaki-Ges despedid@s readmisión' e o reparto de folletos informativos ás portas da Casa das Asociacións en Compostela serviu á federación de servizos do sindicato CIG para denunciar o despedimento de 29 traballador@s por parte de Cogami --Confederación galega de minusválidos-- empregando prácticas "de dubidosa legalidade". No citado emprazamento a empresa organizou para esta terza feira a xornada 'Ética e empresa', cuxa ponencia de inauguración foi impartida pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato. 

A central nacionalista informou de que a Rede galega de kioskos-Cogami puxo na rúa 29 persoas desde o mes de agosto en todo o País valéndose de medidas como "ameazas con denuncias por roubo ou co peche do quiosque" que el@s rexentaban.

Foi este o caso de Gracia Pérez, traballadora nun quiosque da Coruña e despedida por teléfono no seu día libre. "Cogami ten o 90% dos empregos para persoas con discapacidade, polo que a situación que se nos presenta é bastante seria", explicou Pérez en conversa con Sermos Galiza.

Orzamentos: 17 millóns para competitividade, 8 para centros especiais de emprego

A ex-traballadora entrou canda sindicalistas da CIG á Casa das Asociacións para ouvir a ponencia da conselleira Mato. Segundo contaron, chamoulles a atención que na súa intervención a titular de Traballo e Benestar achegara ideas como "fálase moito de dereitos sindicais e pouco de deberes no traballo" ou a defensa do emprego "como ferramenta de integración". Aliás, debullou os orzamentos para 2014, informando de que 17,4 millóns serán para fomentar a competitividade e 8,3 millóns para centros especiais de emprego. 

Que reclaman @s traballador@s con este escracho a Beatriz Mato? Que a Xunta se implique para que sexan ora readmitid@s ora reubicad@s. "O que queremos é traballar", dixo Gracia Pérez, muller de 49 anos cunha crianza ao cargo e "en risco de exclusión social". A meirande parte d@s despedid@s son tamén mulleres.

Novas contratacións que carrexan novas subvencións

"En marzo faláronnos dun plan de viabilidade, mais desde aquela tempo tiveron para nos derivar a outra empresa do grupo", subliñou Pérez e explicou que asinou o seu propio despedimento "porque pensei que era verdade que a empresa ía mal e que se ían pechar quiosques". Con todo, uns días despois "había unha persoa nova contratada para cubrir a baixa que estaba a cubrir eu; novo contrato, nova subvención", denunciou.

CIG-Servizos mantivo en outubro unha xuntanza cos responsábeis da Rede galega de kioskos-Cogami "exixindo a inmediata readmisión das persoas despedidas", malia que a día de hoxe non recibiron aínda resposta ningunha. Advertiron esta terza feira de que "seguiremos a nos mobilizar".