Escollerías E-Dixgal se puideses elixir? Familias do Lamas de Abade de Compostela rexeitan o modelo dixital da Xunta no ensino
Exceso de horas ante a pantalla, contidos pouco atractivos, perda de capacidade de concentración, atención e escoita ou o empeoramento da comprensión lectora e da escrita son algúns dos argumentos que expoñen para pedirlle ao profesorado do cento a retirada da plataforma dixital.
"Somos moitas as familias preocupadas pola dixitalización na educación das nosas nenas e nenos, xa que entendemos que implica poderosas razóns para ser posta en cuestión". Así comeza a carta asinada polas familias do CEIP Lamas de Abade de Compostela e dirixida ao profesorado do centro público para pedirlle que "reconsideren" a continuidade do programa o vindeiro curso.
"A dixitalización nas aulas vai á contra das recomendacións das sociedades médicas e pediátricas, dos ditames de institucións e grupos de persoas expertas, das conclusións dos informes PISA e do amplísimo corpo de estudos e investigacións que sinalan as consecuencias negativas das pantallas para a aprendizaxe e o desenvolvemento físico e emocional saudábeis", afirman pais, nais e titores na misiva.
As familias asumen a responsabilidade das familias no uso das pantallas, mais advirten que non pode ser "a única medida de protección", tendo en conta que a rapazada pasa unha gran parte do seu tempo na escola.
Dixitalización temperá
Sen querer demonizar a tecnoloxía nin as competencias dixitais do alumnado, as familias do Lamas de Abade comparten as súas inquedanzas cos docentes en vista das "cada vez máis numerosas evidencias neurolóxicas e pedagóxicas que desaconsellan a exposición precoz ás pantallas nas etapas de primaria e nos primeiros cursos de secundaria".
Segundo din, "supoñen unha maior competencia dixital futura, á vez que alertan sobre como un mal adestramento do cerebro á idade que lles toca pode ser moi difícil de compensar máis adiante", polo que hai propostas pedagóxicas que defenden non introducir os dispositivos dixitais "antes do bacharelato".
"Concordamos coa inquedanza que mostrastes algúns e algunhas de vós nas reunións de inicio de curso sobre a necesidade de potenciar a lectura fronte as pantallas e sobre a falta de comprensión lectora, fundamental para adquirir coñecemento en calquera das áreas. Moitas familias somos conscientes deste problema e cremos que a única forma de atraer esa atención é a través de estímulos a velocidade lenta, o que resulta imposíbel cunha dixitalización tan temperá".
Enquisa entre as familias
As familias do CEIP Lamas de Abade consideran que o desafío da educación "non é tanto mellorar o uso das tecnoloxías como lograr unha presencia atenta" e aseguran que a mellor forma de preparar o alumnado para o mundo dixital "non é facilitando dispositivos tecnolóxicos, senón asentando unha boa base de coñecemento e potenciando a lectura e as matemáticas, pero sen ser secuestrados por pantallas".
Non é a primeira vez que pais, nais e titores do centro educativo reclaman á dirección que deixe de participar no E-Dixgal. O ano pasado presentaron máis de 400 sinaturas para solicitar o abandono dun modelo que consideran prexudicial por varios motivos.
Este curso, ante a falta cambios, lanzaron unha nova enquisa para confirmar o sentir das familias do centro: Escollerías E-Dixgal se puideses elixir? Un 82,7% das familias manifestaron que non desexan que se continúe co uso da plataforma, un 14,3% expresaron que si están de acordo coa súa continuidade e 3% indicaron que descoñecen a plataforma.
A enquisa, sinalan desde a Asociación de Familias do Alumnado do CEIP Lamas de Abade, buscaba coñecer a súa experiencia co E-Dixgal no período 2022-2024 sen cuestionar o labor do profesorado, senón unicamente o funcionamento do programa. Segundo conclúen, ofrece máis dunha ducia de razóns para optar polo seu abandono.
Motivos para abandonar o E-Dixgal
Entre outras cuestións, a enquisa detíñase no tempo dedicado ás pantallas pola cativada, na autonomía do alumnado para se dedicar ao estudo, na calidade dos contidos, nas competencias dixitais da rapazada ou nas súas habilidades á hora de ler ou escribir
Entre outros argumentos, expoñen o exceso de horas diante da pantalla, o impacto negativo sobre a capacidade de concentración, atención e escoita; empeoramento da comprensión lectora e da escrita; problemas de saúde ocular, mental, do sono, condutas auditivas e sedentarismo; illamento e substitución das habilidades sociais pola pantalla; distracción e ponte cara a usos recreativos; baixa calidade dos contidos dixitais; que non achega competencias dixitais reais nin é apto para crianzas con necesidades educativas especiais ou a introdución excesivamente precoz.