Erguer lanza unha nova campaña contra a privatización do ensino na Galiza
A organización estudantil denunciou a incapacidade das clases populares de acceder a unha educación de calidade
Erguer. Estudantes da Galiza presentou esta terza feira a súa campaña contra a privatización do ensino, baixo o lema 'Prívannos dun futuro. Contra a súa privatización, organización estudantil'.
No acto de presentación, o sindicato estudantil denunciou a situación de infrafinanciamento do sector público en todos os niveis, desde ensino medio até a formación profesional e universidade, alertando do aumento "da ameaza da privada". "Hai unha clara ofensiva privatizadora desde o goberno da Xunta que nos últimos anos se volveu exacerbada. Ameaza o ensino público galego e o futuro das mozas e mozos do noso país, especialmente o daquelas das clases populares" declarou o portavoz nacional, Lucas Pardo.
Ao mesmo tempo, afirmou que non se limitaría só ao sistema de ensino, senón que abranguería todos os aspectos da vida das estudantes, atinxindo aspectos como a vivenda ou o transporte. "É unha privatización total, clara e descuberta que se articula sobre varios eixos, desde o aumento do prezo da vivenda e caída nas vagas de residencias até a falta de liñas de comunicación no territorio", engadiu.
Os efectos desa privatización veríanse, segundo Erguer, na incapacidade das clases populares de acceder a un ensino de calidade. "Non quedaría só nisto", afirmou Lucas Pardo, "exerce un dobre prexuízo sobre os factores máis ameazados. Os servizos de psicopedagoxía, atención á diversidade, igualdade ou normalización lingüística son os primeiros en verse atacados".
O acto fechou cunhas breves palabras doutros membros da organización e cun chamamento á organización do estudantado nesta campaña que se lanzou para defender o ensino público galego. "Polo noso futuro, polo futuro dunha Galiza cun ensino público, popular e de calidade, organización estudantil!" foron as palabras de cerramento da xornada.