Un equipo da Cemma avalía en Outes como retirar o arpón cravado no golfiño Manoliño

Integrante do Cemma no porto do Freixo, en Outes. (Foto: Cemma)
O mamífero mariño foi localizado a pasada semana cunha vara metálica nun costado.

Un equipo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) atópase na mañá desta segunda feira no porto do Freixo, en Outes, para avaliar o estado de saúde do golfiño Manoliño -tamén coñecido como Confi-, localizado a pasada semana cun arpón cravado nun costado.

Este exemplar adulto de golfiño, habitual nas costas galegas, foi avistado na costa de Outes coa vara metálica ensartada no seu corpo. Porén, tal e como trasladou o Cemma nun primeiro momento, a ferida “semella superficial”, polo que o animal segue nadando con aparente normalidade.

Isto non evitou que un equipo do organismo analice a estas horas cal é a mellor maneira de actuar para retirar o arpón a Manoliño. Unha voluntaria da Cemma explicou a Nós Diario que por agora están esperando á chegada do veterinario, que será quen decida como actuar.

“É un animal grande e ten un arpón cravado, temos que decidir ben como actuar para evitarlle o maior dano posíbel e calquera complicación posterior”, manifestou a voluntaria.

Necesidade de quitarlle o arpón

A colaboradora da Cemma insistiu na importancia de avaliar con profundidade como actuar, xa que é necesario quitarlle o arpón aínda que neste momento a ferida non sexa de gran consideración.

“O arpón fixo ferida no exterior, mais tamén non interior. Se o golfiño se move, tamén o fai a vara, e pode provocarlle un dano aínda maior”, salientou a voluntaria, que tamén subliñou o posíbel risco de que Manoliño sufra unha infección se non é tratado de maneira correcta.