Eólica Así Non! volverá saír á rúa este domingo para denunciar "o modelo de espolio enerxético da Xunta"

Concentración da coordinadora 'Eólica, Así Non'. (Foto: Nós Diario)

As mobilizacións, previstas en nove localidades, estaban convocadas para o 26 de xaneiro pero tiveron que ser suspendidas polo temporal.

A Coordinadora 'Eólica Así Non' volverá saír á rúa este domingo para denunciar "o modelo de espolio enerxético promovido pola Xunta", despois de que o pasado 26 de xaneiro tivesen que suspender as mobilizacións previstas polo Día Mundial da Enerxía Limpa con motivo do temporal.

Nun comunicado, a Coordinadora fixo chamamento á sociedade para denunciar un modelo que consideran que "non ten en conta os intereses da poboación" e que ten como obxectivo "beneficiar ao capital á conta de xerar graves impactos ambientais e expulsar ás comunidades de afectados e á cidadanía en xeral da toma de decisións".

Así mesmo, criticou a "falta de respecto" polas decisións xudiciais do Goberno galego e demandou unha "nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio" e que conte con "obxectivos sociais ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas".

Así, están previstas concentracións e camiñadas en Cartelle (Terra de Celanova), Val do Dubra (comarca de Santiago), Mazaricos (comarca do Xallas), Ortigueira (comarca de Ortegal), Marín (O Morrazo), Pontevedra, Campo Lameiro (comarca de Pontevedra), Sarria (comarca homónima) e Lugo.