Envorca un bus escolar en Lalín: dous menores e un profesor, trasladados ao centro de saúde

Ningunha persoa tivo que ser rescatada do vehículo (Foto: Lalín.net).
As súas feridas son leves. O condutor deu negativo nos controis de drogas e alcolemia e agora a Garda Civil investiga as causas do sinistro.

Dous alumnos e un profesor feridos leves foron trasladados na mañá desta sexta feira a un centro de saúde tras saír o autobús escolar no que viaxaban da vía e envorcar, con 41 pasaxeiros a bordo, en Lalín.

Segundo os datos facilitados pola Garda Civil a Europa Press, ían a bordo 37 menores, tres docentes e o condutor do autocar, accidentado contra as 9.30 horas no quilómetro 2 da estrada EP-6002 ao seu paso pola localidade.

A pesar do estado no que quedou o vehículo, envorcado lateralmente, os estudantes de entre 12 e 16 anos do IES de Forcarei que viaxaban no interior de camiño a unha vista fóra do centro educativo puideron saír do vehículo polos seus propios medios.

Por causas que aínda se investigan, no camiño entre a Estación de Viñoa e Botos, o autocar desequilibrou e envorcou sen que ninguén quedase atrapado, sinalaron fontes do 112.

A Garda Civil de Tráfico practicou as probas de alcoholemia e drogas ao condutor, nas que obtivo resultado negativo, segundo confirmaron fontes policiais. Toda a pasaxe do autobús ía protexida cos sistemas de retención obrigatorios, destacaron desde o 112. Algúns dos ocupantes sufriron golpes, polo que foron atendidos por persoal sanitario.

En concreto, dous mozos e un adulto sufriron pequenas lesións, cortes e golpes que foron atendidos por persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 que se dirixiron ao lugar do accidente logo de recibiren a alerta do 112.

Ao lugar o 061 mobilizou tres ambulancias de soporte vital básico, o helicóptero medicalizado con base en Compostela e dous equipos sanitarios de Atención Primaria que atenderon no lugar un menor, mentres que outros dous e un adulto de 40 anos foron levados ao centro de saúde da zona.

Tamén acudiron os Bombeiros do Deza, membros do GES de Lalín e axentes da Garda Civil e da Policía Local. O Instituto Armado investiga agora os feitos para esclarecer as causas do accidente.