Entregan ao Sergas 3.720 sinaturas da veciñanza de Chantada e Carballedo contra os recortes sanitarios

A Plataforma recolleu 3.720 firmas (Foto: Chantada quere sanidade)

As firmas entregadas supoñen 1 sinatura por cada 3 habitantes que suman ambos os dous concellos.

A plataforma Chantada quere sanidade vén de entregar ao Sergas un total de 3.720 sinaturas recollidas entre a veciñanza do concello chantadino e o de Carballedo para exixir a fin da precariedade sanitaria. Chantada e Carballedo suman entre ambos os dous ao redor de 10.000 habitantes, polo que o número de sinaturas entregadas equivale a un terzo da veciñanza.

A plataforma critica a Consellaría de Sanidade por “xogar coa nosa saúde” a través da “degradación” do servizo sanitario público. “Pedimos que se reverta esta situación e que se escoite a voz das 3.720 persoas que coas súas sinaturas piden melloras que neste momento son capitais na atención sanitaria do Centro de Saúde de Chantada que comparte Punto de Atención Continuada (P.A.C.) con Carballedo e no Hospital de Monforte”.

As demandas que se plasman nestas firmas pivotan en torno a catro reclamacións. A primeira delas, a reapertura das consultas pechadas no Centro de Saúde de Chantada, cubrir xubilacións, baixas ou vacacións, “facendo que a Atención Primaria (AP) funcione a pleno rendemento e cos facultativos necesarios en cada xornada para atender a unha poboación de preto de 8000 persoas”.

As ratios entre médico e paciente centran outras das peticións. “Deben ser melloradas”, insta a Plataforma, “con máis tempo de consulta e menos tempo de espera para ter unha cita en AP ou cun especialista”.

Tamén se reclama un segundo equipo de urxencias  “para atender as poboacións de Chantada e Carballedo pois un único equipo e claramente insuficiente ante as situacións que poideran darse”.

A recuperación de especialidades do Hospital Comarcal de Monforte e traballar para que este poida dar a tcn a e a o rmto s srs o sre conforma outra das demandas.

A plataforma cidadá Chantada Quere Sanidade creouse a finais de outubro do pasado ano, recollendo o testemuñão da loita iniciada polo servizo de pediatría desde xuño de 2017 pola plataforma Chantada quere pediatría.

Aglutina veciñanza das vilas de Chantada e Carballedo que entenden que a calidade asistencial dos servizos sanitarios que se ofrece no centro de saúde ou no hospital de referencia, o Hospital de Monforte, é cada vez máis deficiente e non responde ás necesidades das persoas usuarias.  Dende a plataforma leváronse a cabo varias accións para denunciar a deterioración da sanidade pública, como concentracións, manifestacións ou esta recollida de firmas.