Entidades sociais alertan de cambios nas leis de dependencia: "Van dilatar e entorpecer máis a atención"

Mera (CIG), Bouza (CCOO), Gontán (COTS) e Prieto (SLG). (Foto: Nós Diario)
Segundo datos do Imserso, só 18 de cada 100 dependentes piden ser recoñecidas na Galiza.

A Confederación Intersindical Galega (CIG), o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTS) e o Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) denunciaron esta taerza feira que a Xunta da Galiza "vai entorpecer e dilatar, unha vez máis, a atención á dependencia na Galiza". Todas estas organizacións, que fan parte do Consello Galego de Benestar Social (CGBS) advertiron en rolda de prensa que a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas do proxecto de orzamentos da Xunta para 2025 –a chamada Lei de Acompañamento dos Orzamentos– modifica "substancialmente e pola porta de atrás" o sistema de atención á dependencia e a súa lexislación.

Sinalaron que con esta "lei ómnibus" a Xunta quere modificar a lexislación vixente, deixando a cidadanía e os seus representantes sociais sen capacidade para alegar, presentar emendas ou debater arredor das modificacións que a Consellaría de Política Social quere introducir na dependencia. Esta lei, xa en tramitación parlamentaria, pretende modificar a Lei 13/2008 de Servizos Sociais da Galiza e o Decreto 142/2023 que regula o procedemento de recoñecemento da dependencia no país.

Segundo denunciaron esta terza feira estes representantes sociais o recoñecemento da dependencia na Galiza ten xa problemas estruturais de "falta de medios humanos e continuas modificacións da normativa", que teñen provocado que a Galiza sexa o último territorio do Estado en solicitudes de recoñecemento de dependencia. As cifras do Imserso a 30 de outubro de 2024 din que "de 100 dependentes potenciais na Galiza só 18 solicitan o recoñecemento desa dependencia".

A nova mudanza pretende agora "unificar o procedemento" para recoñecer a situación de dependencia e o grao de discapacidade, algo que denunciaron na práctica supón menoscabar as competencias do CGBS. As entidades sociais explicaron que coa modificación a Xunta "dá carta de legalidade" e limita a capacidade de opinión do colexio "só a aquelas cuestións que a Consellaría" de Política Social considere.