Entidades ambientalistas rexeitan a declaración de interese autonómico da ampliación da autovía do Salnés: "Transformará as dunas en asfalto"

O Complexo intermareal Umia-O Grove é a primeira reserva ornitolóxica da Galiza. (Foto: Concello do Grove)

O DOG do 9 de febreiro recolle o acordo do Consello da Xunta para a declaración de proxecto de interese autonómico (PIA) da ampliación da autovía do Salnés VG-4.1 e da PO-308, que dá luz ver á súa tramitación.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade de Historia Natural da Galiza, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo de Anelamento Anduriña rexeitan a declaración como proxecto de interese autonómico da ampliación da autovía da Lanzada. Así o manifestan nun comunicado conxunto no que dan conta das seis alegacións presentadas contra a decisión da Xunta da Galiza, en concreto, contra a xustificación da infraestrutura, as actuacións propostas polo Goberno galego e a inadecuada tramitación do proxecto por parte da Administración galega.

Os colectivos ambientalistas consideran que o proxecto non está "fundamentado cun pensamento de futuro". "O fomento do modelo de mobilidade en vehículo privado é un modelo caduco. Os nosos gobernantes deben proporcionarnos benestar, e a loita contra o cambio climático é crucial neste ámbito. Unha mobilidade máis ecolóxica, de calidade e máis barata é posíbel", afirman, ao tempo que piden impulsala e crer nela. "Os 40 millóns deste proxecto virían de perlas para pór en marcha e impulsar o transporte público de calidade na comarca do Salnés", sentencian.

Máis asfalto nun contorno protexido

Polo que se refire aos detalles das actuacións propostas pola Xunta, as entidades expresan o seu desacordo coa ampliación "a 3 ou 4 carrís da VG 4.1 entre Sanxenxo e a praia da Lanzada" e coa ampliación das estradas PO-308 e PO-550 "nos tramos que transcorren polo propio sistema dunar do istmo da Lanzada", unha intervención que "vai supor transformar parte das dunas de gran valor biolóxico en asfalto". A este respecto aseguran que as medidas compensatorias que se propoñen na memoria "son irrisorias en comparación ao impacto de soterrar un hábitat protexido".

"Resulta revelador que a Consellería de Medio Ambiente apenas invista na restauración e conservación da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove, que engloba a zona da Lanzada, e que o único que reciba este lugar da Xunta é unha esmola da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a cambio de cementar parte das súas dunas", censuran.

Complexo Intermareal Umia-O Grove. (Foto: Mancomunidade do Salnés)

Nas súas alegacións, os colectivos ambientalistas tamén reparan nos detalles da infraestrutura viaria que recolle o proxecto. "Identifica o trazado específico, determina a tipoloxía das actuacións e fixa un ámbito territorial perfectamente delimitado", aseguran, termos contrarios ao recollido na lei para decretar unha declaración PIA. Segundo lembran, "non se poden especificar os detalles do proxecto, xa que estes virán posteriormente tras a análise realizada ao longo da tramitación da avaliación ambiental".

Tramitación "viciada"

A tramitación comeza con "mal pé", din as entidades alegantes, que consideran "viciada" toda a tramitación posterior do proxecto. "Vai converter a avaliación ambiental en papel mollado, como xa estamos acostumados, pero non se debería facer con tanto descaro". O proxecto, aseguran, incumpre "a Directiva Hábitats, de Aves, a lei de avaliación ambiental, a de Ordenación do territorio", polo que exixen á Xunta que anule o acordo da declaración do PIA. Neste sentido, non descartan a presentación nos xulgados dun contencioso administrativo contra o Goberno Galego "no caso de que non rectifique".

"A Xunta e a sociedade debemos sopesar os efectos negativos que tería esta ampliación do asfalto a costa da nosa natureza e buscar un xeito máis intelixente, ponderado e económico de atallar este problema moi puntual dos atascos na zona", conclúen.

O presidente da Xunta, Alfondo Rueda, avanzou en setembro do ano pasado que as obras de ampliación da autovía do Salnés comezarán en 2027 e contarán cun investimento de de 40,4 millones de euros. Entón, presentou o proxecto para a mellora da capacidade viaria e a "potenciación do valor paisaxístico e turístico" da contorna da Lanzada.