Endesa e Naturgy, entre as empresas que máis CO2 emitiron na Galiza durante 2021

Emisión de carbono dunha central eléctrica. (Foto: Europa Press)
O groso da contaminación producida por empresas no país, 66% do total, correspóndese con tres compañías.

As emisións suxeitas aos mercados de carbono aumentaron en 2021 3,4% na Galiza, mentres que en todo o Estado español aumentaron 3% con respecto ao 2020, ano marcado polo confinamento derivado da Covid-19.

Son datos que recolle o informe anual de evolución de emisións de gases de efecto invernadoiro do Observatorio da Sustentabilidade, que calcula que na Galiza as empresas enerxéticas emitiron 5.765.228 toneladas de dióxido de carbono (CO2) en 2021.

O groso da contaminación producida por empresas no país, 66% do total, correspóndese con tres compañías. Á cabeza sitúase Endesa, con 1.322.958 toneladas de CO2 (23%), seguida de perto da planta de produción de alumina de Alcoa en San Cibrao (Alumina Española), con 1.068.639 toneladas (19%).

O top 4 complétase coas 759.603 toneladas de Repsol (19%) e as 641.674 de Naturgy (11%). Do resto de empresas que aparecen na clasificación, responsábeis de 34% restante das emisións, ningunha chega a 3% do total de emisións.

Datos do Estado español

No Estado español, as emisións suxeitas aos mercados de carbono supuxeron 32% do total das emisións, fronte a 68% que xeran os sectores difusos e outro 1% máis o sector da aviación, de acordo con o mesmo informe do Observatorio da Sustentabilidade.

O estudo reflicte que 2021 estivo marcado pola recuperación económica tras a crise provocada polo coronavirus. Con todo, o informe constatou unha diminución das emisións de todas as empresas enerxéticas menos unha, EDP, mentres que todas as empresas do sector aéreo, o aceiro, o cemento ou as químicas aumentaron o seu volume de emisións de gases de efecto invernadoiro.

En concreto, de acordo cos cálculos dos analistas do Observatorio da Sustentabilidade que foron presentados esta terza feira, hai dez empresas enerxéticas que, no seu conxunto sumaron 57% das emisións de CO2 dos mercados de carbono e 18,7% de todas as contabilizadas no Estado español en 2021.

Ademais, se se ten en conta as 20 primeiras empresas máis emisoras, en total sumarían 69% das emisións do mercado de carbono e o 23% do total. Así mesmo, en total as 30 empresas máis emisoras sumaron 75% das emisións suxeitas aos mercados de carbono e 25% do total, e se se inclúe as 50 primeiras alcanzaríase 80% das emisións do mercado de carbono e 27% do total de emisións do Estado español durante 2021.