A empresa viguesa ACSM Shipping baixará ao 'Vila de Pitanxo' após adxudicarse a operación por 2,85 millóns

Imaxe de arquivo do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Nós Diario)
Os pregos do contrato prevén que os traballos decorran entre o 1 de maio e o 31 de outubro deste ano.

A Xunta de Contratación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, reunida a pasada sexta feira 31 de marzo, decidiu adxudicar a operación de procura, localización e inspección do pecio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, afundido na madrugada do 15 de febreiro en augas canadenses, á compañía viguesa ACSM Shipping. Licitouse por un importe de 2,85 millóns de euros.

O contrato realizouse polo procedemento "acelerado", xustificándose na "urxencia" de baixar ao pecio durante a primavera ou o verán, "época con climatoloxía favorábel na zona", co obxectivo de "dispor de maiores oportunidades de éxito" na operación, pois o clima adverso frecuente no lugar impediría os labores de busca.

"Unha vez comprobado que a documentación citada no punto quinto desta Acta é correcta, o Presidente da Xunta, previa fiscalización favorábel pola Intervención Delegada no Departamento, adxudicará o contrato [...] polo importe e demais condicións que se especifican, por ser a oferta máis beneficiosa no seu conxunto para a Administración", explica nun documento ao organismo.

Será por un valor de 2,85 millóns de euros máis IVE, importe lixeiramente inferior aos 3 millóns que se prevían inicialmente para despregar este operativo. Segundo os pregos, os traballos realizaranse entre o 1 de maio e o 31 de outubro deste ano, cunha duración de 15 días prorrogábel por outra quincena.

En concreto, prevese un prazo de até 15 días de operacións: 7 días para a procura e 8 días para a inspección submarina. A eles haberá que sumar até 16 días de ida e volta en función do porto de saída do barco. Aliás, contémplanse tamén 10 días de inoperatividade por mal tempo.

Todo iso despois de que as familias dos 21 mariñeiros falecidos insistisen durante meses na importancia de baixar ao pecio para atopar probas que contribúan a esclarecer o accidente. O Executivo estatal dixo nun primeiro intre que habería que agardar até que os investigadores solicitasen esta operación, e finalmente así foi.

"Cedo poderemos coñecer a empresa adxudicataria e acometerase por fin a operativa de baixada. Agora toca esperar os trámites que faltan", dixo a portavoz das familias, María José de Pazo, após publicarse o pasado mes a licitación do contrato.