A empresa principal do 'caso Koldo' mercou fincas en Valdeorras

Koldo García, á súa saída da Audiencia Nacional, o pasado día 22 de febreiro. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Os terreos foron traspasados a Comercializadora de Pizarras Santa Bárbara SL.

A Fiscalía Anticorrupción sostén que a principal empresa implicada na trama de corrupción arredor de Koldo García, asesor do ex ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana José Luis Ábalos, adquiriu predios no concello de Carballeda de Valdeorras cos beneficios das súas operacións presuntamente fraudulentas. 

Así figura no auto do xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno, que inclúe o relato pormenorizado que o Ministerio Público realiza na súa querela da presunta trama vinculada á venta de máscaras por parte da empresa Soluciones de Gestión, integrada en Grupo Cueto, que utilizaría a Koldo García como intermediario para facilitar os trámites dos procesos de adxudicación de material sanitario.

Segundo Fiscalía, parte das plusvalías obtidas nestas operacións por Soluciones de Gestión, propiedade de Íñigo Rotaeche e Luis Presa Medina, utilizáronse para comprar "fincas rústicas" na comarca de Valdeorras. Estes terreos foron adquiridos por Soluciones de Gestión para, a continuación, ser traspasados a Comercializadora de Pizarras Santa Bárbara SL, empresa tamén integrada en Grupo Cueto.

Anticorrupción considera no seu auto que "todos os indicios" apuntan a que os fondos dedicados á compra destas fincas foron obtidos "de maneira irregular" e grazas á intermediación de Koldo García, quen tería cobrado por iso.

Nesta liña, a Fiscalía Anticorrupción sostén que García axilizou trámites do Ministerio na contratación durante a pandemia para a venda de máscaras, en concreto, facilitando os procesos de adxudicación de material sanitario á empresa Soluciones de Gestión.