Gráficos

As emisións industriais de gases invernadoiro baixan 23% en 2023: cales son as que máis emiten?

Emisións de gases de invernadoiro en 2023 por sectores e industrias. (Fonte: Ogacli)
Ao longo do pasado ano, apunta o Ogacli, emitíronse 4,6 millóns de toneladas de CO2 equivalente, a cifra máis baixa rexistrada desde 2005.

As emisións industriais de gases de invernadoiro baixaron 23% en 2023 a respecto do ano anterior, segundo os datos oficiais recompilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli). A cantidade ascendeu, apuntan, a un total de 4,6 millóns de toneladas, "a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio de emisións en 2005".

As 40 industrias obrigadas a participar no RCDE representan até 30% das emisións totais de gases invernadoiro de toda Galiza, e pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o enerxético. Así, as centrais térmicas de gas natural e carbón e mais a refinaría de petróleo foron responsábeis, conxuntamente, de case 70% das emisións suxeitas na Galiza ao comercio de emisións durante 2023.

 

Apuntan que o descenso das emisións industriais de gases causantes do cambio climático en 2023 concentrouse nas centrais térmicas (-22,1%), nas instalacións de combustión e nas centrais de coxeración de diversos sectores industriais (-42,5%) e na produción de aluminio (-34,9%) e de de aceiro e ferroaleacións (-39,7%). Segundo explican, as razóns desta baixada apuntan máis a factores conxunturais que a avances na descarbonización como resultado de cambios estruturais.

 

Así, a baixada da xeración eléctrica nas centrais térmicas polo aumento da produción hidroeléctrica tras un ano paradas, a parada temporal da planta de aluminio e a menor actividade da planta de alúmina en Alcoa San Cibrao, o descenso na produción de ferroaleacións e a caída na utilización nas centrais de coxeración de fuel das madeireiras Finsa e Intasa e mais da conserveira Jealsa son as causas "principais" do recorte das emisións industriais durante o pasado ano.

Ademais, remarcan que o feche definitivo da central de carbón das Pontes en outubro foi o único progreso "destacado" na transición enerxética na Galiza durante o ano, "dado o reducido aumento da potencia renovable e a ausencia de plans para a redución progresiva da produción de derivados de petróleo na refinería da Coruña ou para a substitución das centrais de coxeración de fósiles".