O emérito aterra en Vigo e xa se dirixe a Sanxenxo por cuarta vez desde a súa fuxida a Abu Dabi

O rei emérito baixa do avión esta segunda feira en Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
Minutos despois das 13.30 horas, o emérito chegou á cidade olívica nun avión privado, como vén sendo habitual nos últimos meses, xa que é a cuarta vez que visita Galiza desde que en 2020 fuxise a Abu Dabi.

O rei emérito ha volveu aterrar en Vigo para dirixirse á localidade de Sanxenxo (O Salnés), onde asistirá á oitava Regata rei Juan Carlos I, que arrincará a vindeira quinta feira e durará até o domingo.

Así, minutos despois das 13.30 horas, o emérito chegou á cidade olívica nun avión privado, como vén sendo habitual nos últimos meses, xa que é a cuarta vez que visita Galiza desde que en 2020 fuxise a Abu Dabi.

A última, hai pouco máis dun mes, deixando Vigo a principios de agosto.

Nesta ocasión, segundo o calendario do Real Club Náutico de Sanxenxo, está previsto que na quinta se desnvolva a competición da clase 6 metros, na que, presumibelmente, Juan Carlos I disputará a bordo do seu barco o 'Bribón'.

Sen dúbida, esa será unha xornada ‘dobre’ e é que Felipe VI tamén estará na Galiza. Concretamente na Toxa, a só 15 quilómetros do seu pai, no foro económico ultraliberal famoso por deturpar o topónimo oficial galego.

Desta forma, está previsto que o monarca participe ás 16.30 horas na inauguración do ‘Foro La Toja’, nun acto no cal o acompañarán o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do grupo Hotusa, Amancio López.

A visita desenvolverase no marco da entrega do III Premio do Foro a Toxa, nomeado este ano como Premio Josep Piqué.

Con todo, aínda que pai e fillo estean a só uns poucos minutos, non está previsto que se vexan cara a cara. Con todo, ambos se viron noutras dúas ocasións nestes tres anos, desde que Juan Carlos I fora a Abu Dabi, en 2020.

Os dous asistiron, hai un ano, ao funeral de Isabel II en Londres. A última vez que coincidiron foi en xaneiro deste ano, en Atenas, no funeral de Constantino de Grecia, irmán da Raíña Sofía.

Visitas a Sanxenxo

Así as cousas, as visitas do rei emérito a Sanxenxo xa se fan habituais. A última vez que estivo no país foi a finais de xullo, sendo a terceira vez que volvía desde a súa marcha a Abu Dabi, e nela sinalou que "volvería pronto" e "moitas veces" durante este verán.