Educación rexistra 375 casos activos e 28 aulas fechadas nas escolas galegas

Alumnado de Infantil e Primaria no inicio de curso (Iñaki Berasaluce / Europa Press).
O conselleiro Román Rodríguez non descarta que un empeoramento dos contaxios por coronavirus en Ourense obrigue a tomar unha decisión sobre a continuidade da ensinanza presencial, que, en todo caso, corresponderá ás autoridades sanitarias.

A preocupación das autoridades sanitarias da Galiza ante a evolución epidemiolóxica negativa da área de Ourense tamén se reflicte no ámbito da educación, onde o impacto do coronavirus tamén se fai notar.

Segundo os últimos datos facilitados pola Administración galega, nos distritos de Ourense, Verín e Valdeorras os casos positivos por coronavirus xa superan o centenar nun contexto no que se confirman máis contaxios que no resto de zonas da comunidade.

Perto de 400 positivos nas escaolas

O sistema educativo galego trasladou 375 positivos en activo até a pasada sexta feira, dos que 102 correspóndense coa área de Ourense. Son 14 máis dos rexistrados a xornada anterior, 10 no caso da zona de influencia do municipio das Burgas.

De feito, a cidade de Ourense é a que maior número de contaxios acumula, co CEIP As Mercedes á cabeza, con 12 positivos, nove deles na mesma aula, xa clausurada.

As autoridades tamén observan con inquietude a evolución noutras comarcas. É o cao do IES O Ribeiro de Ribadavia, que conta xa cun total de sete casos confirmados por Covid-19, malia non decretarse o fechamento de ningunha aula.

O informe das autoridades sanitarias desvela, ademais, varios casos de centros que se suman ao cómputo nos municipios da Coruña, A Laracha, Betanzos, Culleredo, Ortigueira, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Arnoia, Avión, Barbadás, Maceda, San Cristovo de Cea, Xinzo de Limia, Pontevedra e O Porriño.

Vigo lidera o fechamento de aulas

Xunto á área de Ourense, a da Coruña segue como unha das áreas de maior incidencia en centros de ensino e escolas infantís, con 76 positivos, ademais da de Pontevedra cuns 50 casos.

Vigo, pola súa banda, conta con tres contaxios en activo menos que este venres -43 en total-, pero ten máis da metade das aulas clausaradas en todo o territorio, 12 dun total de 28.

Suspensión da presencialidade

Sobre a situación na área sanitaria de Ourense e ante un posíbel empeoramento dos contaxios por coronavirus, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou que o fuuro da ensinanza presencial está en mans das autoridades sanitarias. Ante un contexto "tan complicado e complexo" son elas quen teñen que valorar e decidir se cómpre un endurecemento das medidas adoptadas.

Aínda que a prohibición de reunións de persoas que non convivan funcione e dea resultados nos próximos días, non se descarta que sexa necesario un confinamento perimetral para conter o número de contaxios, un escenario que comprometería a continuidade das aulas presenciais. Unha decisión, dixo Román Rodríguez, que dependerá totalmente do que "as autoridades sanitarias expoñan e recomenden".

"Obviamente esperemos non chegar a esta situación", sinalou, para lembrar que nese hipotético caso, a Xunta conta xa cun plan de continxencia cunha serie de accións e medidas de reforzo formativo e de equipos e dotacións para o ensino telemático, que confía en "que non sexa necesario activar e que a cidade poida saír desta situación".