Educación orza o mesmo profesorado para 2026 que nos últimos catro anos
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, denunciou esta sexta feira en rolda de prensa que os orzamentos da Consellaría de Educación para 2026 "manteñen unha liña continuista", cunha cifra de persoal docente "igual desde 2022, 30.424 efectivos".
Desde o sindicato presentaron a súa análise das contas que Educación presentou no Parlamento galego para o próximo ano, alertando "das políticas educativas dos últimos anos baseadas nos recortes e na propaganda e a irrelevancia que ten Educación dentro das contas globais da Xunta".
De acordo coa análise que fixo a CIG-Ensino, o maior incremento é nas ensinanzas de réxime especial, o que se debe a un aumento en 20 do número de profesorado orzamentado para as escolas de idiomas, “curiosamente o mesmo que diminúe o Profesorado Técnico de FP a extinguir, polo que de novo as cifras poden levar a engano”.
Arroxo concluíu afirmando que “a intención da Consellaría está clara, nin se pretende reforzar o profesorado en xeral nin tampouco o especialista para atender a diversidade, como propuxo a CIG-Ensino na última mesa sectorial" .