O Ministerio de Educación avoga por non reducir as ratios nas aulas

Actualmente nas aulas de Primaria hai un máximo de 25 estudantes. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
En segundo ciclo de Infantil e Primaria haberá un máximo de 25 estudantes por aula; en Secundaria, 30, e en Bacharelato, 35.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional (FP) vén de sacar a audiencia e información pública o borrador de modificación do real decreto 132/2010 de requisitos mínimos dos centros de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, onde propón manter as actuais ratios de todas as etapas educativas, e fixa outras novas no primeiro ciclo da Educación Infantil, que anteriormente non estaban definidas.

Así consta no borrador do proxecto de real decreto, no que Educación mantén, deste modo, as ratios máximas de 25 estudantes en segundo ciclo de Educación Infantil e Primaria, 30 en Secundaria e 35 en Bacharelato.

En relación coa Educación Infantil, o borrador, ao que se poden presentar achegas até o 15 de xullo, inclúe como novidade que os centros que ofrecen o primeiro ciclo da Educación Infantil terán por cada unidade escolar un máximo de oito alumnos e alumnas das aulas de 0 a 1 ano, un máximo de 12 alumnos no segundo curso do primeiro ciclo e un máximo de 18 no terceiro curso do primeiro ciclo.

"Para a autorización de agrupacións de alumnado de diferentes idades, as Administracións educativas deberán estabelecer o número máximo de alumnos, que, tendo en conta as idades e o seu número, será proporcional ao número máximo fixado para o alumnado das distintas idades", indica o borrador.

O texto especifica, aliás, que os centros terán, por cada unidade escolar, un número de estudantes acorde coas súas "necesidades educativas".

Reducir as ratios

Os sindicatos veñen demandando nos últimos tempos unha redución notábel das ratios nas aulas, ao considerar as actuais demasiado elevadas para poder garantir unha ensinanza de calidade para todo o alumnado.

É o caso da CIG-Ensino, que a comezos do curso 2021-22 mesmo advertira dun novo incumprimento das ratios máximas, con até 26 estudantes en aulas de Infantil e Primaria, malia que desde a Consellaría de Educación aseguraran, nun contexto marcado ademais pola Covid-19, que en ningún caso se superaría ese máximo.

Máis recentemente, este mesmo mes de xullo, a CIG concentrouse diante da Consellaría para exixir melloras significativas nas condicións laborais do profesorado e mais unha redución das ratios.

Tamén Comisións Obreiras vén de solicitar, após coñecer o anuncio do Ministerio, fixar en 20 o máximo de estudantes en Infantil —a partir do segundo ciclo—, Primaria e Secundaria e en 25 para o Bacharelato.