Educación inicia o ano incrementando en 300.000 euros os concertos co ensino privado

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación

CIG-Ensino denuncia que esta cantidade estase a destinar á privada a través de axudas das que carecen os centros públicos.

 

A billa de cartos e recursos públicos para o ensino privado segue aberta en Galiza. A Consellería de Educación incrementa en 300.000 euros os concertos coa privada, denuncia a CIG-Ensino. E faino a través dunhas axudas das que carece o ensino público.

O sindicato nacionalista informa que no DOG deste 5 de xaneiro publícase unha orde de axudas a centros privados concertados para a atención a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2014/15, “unha orde  que lle permite a estes centros contar cunhas dotacións das que carecen os centros públicos”.

“Non deixa de ser revelador que estas convocatorias e adxudicen sempre en período non lectivo, a convocatoria publicouse o 26 de agosto e a adxudicación este 5 de xaneiro,  para procurar así o menor coñecemento da comunidade educativa deste destino do diñeiro público”, sinalan desde a CIG.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou que “mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado, curiosamente, mantén inalterarada desde 2012 esta partida económica que se incrementou naquel ano un 37% respecto do anterior, algo que non sucede cos fondos e recursos destinados ao ensino público, tamén no relacionado con necesidades educativas específicas, e que é especialmente denigrante nun curso que se iniciou precisamente co recorte drástico na dotación de persoal de orientación e profesorado de Pedagoxía terapéutica e Audición e linguaxe.”