Eduardo Teira, un dos socios encargado do Solpor: "O Solpor é un bar tradicional que busca xerar confianza coa clientela"
—Cando empeza a súa traxectoria no Solpor? Mantiveron a súa esencia ou foi evolucionando o local?
Nós collémolo en 2007, mais xa existía antes como O Solpor. Sempre houbo locais de hostalaría aquí porque é un sitio ideóneo para esta actividade. Mantivémolo tal e como estaba, co mesmo nome e o mesmo estilo. É un bar tradicional que busca xerar confianza coa clientela habitual. Mais o que fomos cambiando foron pequenas cousas; o principal neste sentido foi o servizo de terraza.
—Que diferenza o seu estabelecemento doutros da contorna?
O máis característico é a cervexaría de bodega, é unha particularidade que xa tiñan antes e seguimos con ela porque é unha aposta que lle gusta moito á xente, a da Estrella Galicia. Entón decidimos manter a mesma oferta. Por outra parte, o estar situado na Alameda de Noia tamén é un atractivo importante.
—A localización permite unha oferta sociocultural perto do local, colaboran coas actividades?
Colaboramos con todas as actividades coas que podemos. É unha zona moi céntrica, polo que hai actividades de todo tipo. Nos veráns o Concello pon o Rúas Vivas, que son actuacións que se fan por toda a vila e hai uns días tocoulle á Alameda, con Elena Agra. Adoitan facer tamén veladas de boxeo, de baloncesto... e fixeron hai pouco un mercado de antigüidades e un concurso internacional de tango.
Tamén as Festas do Carme, ,así como as patronais, teñen como o seu epicentro a Alameda, onde nós estamos situados.
—Como adoita ser a clientela que visita o seu local?
Temos moitos clientes habituais de todo tipo. Veñen desde señores xa xubilados, que toman todas as mañás e as tardes aquí a caña, até familias que veñen coas crianzas e señoras tamén xubiladas que quedan sempre para tomar o café. Xa os coñecemos e xa sabemos o que queren.
—A maiores das actividades culturais do Concello, hai algunha de iniciativa propia? Acollen algunha xuntanza de veciños e veciñas ou dalgunha asociación?
Non acollemos reunións como tal, mais estamos dentro de Noia Histórica, que é unha comunidade empresarial, e nunha asociación de hostalaría da zona.
—Como acompañamento do seu produto esencial, a cervexa, algunha recomendación ou produto popular que destaque da súa carta?
O que máis se vende sen dúbida é a hamburguesa Capricho Solpor, que é a máis completa e leva un pouco de todo. E despois, os churros pola mañá que non falten, claro. Mais temos tamén as racións típicas, como bocadillos, fajitas... hai bastante variedade.
—No seu estabelecemento pódese ler prensa en galego xa que están subscritos a Nós Diario. Por que decidiron pór ao dispor da clientela este medio de comunicación?
Sobre todo porque é un xornal diferente, que sae do típico de sempre, do que fan os demais, e trata temas máis de aquí, que nos tocan máis de perto.
Os xardíns
A Alameda de Noia é o principal parque da cidade e contén a praza das Angustias. É onde se sitúa o bar Solpor, un emprazamento que supón un dos seus puntos fortes, como afirma Eduardo Teira.
Ao seu carón atópanse os Xardíns Felipe de Castro, de finais do século XIX, bautizados polo busto que preside a entrada do escultor do século XVIII. Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas colocáronse outros dous bustos de escritores noienses, Antón Avilés de Taramancos e María Mariño. Consolídase así como berce da cultura de Noia, engadíndose un último busto do músico Prudencio Romo, cofundador de Los Tamara.