Ecoloxistas denuncian que unha multinacional emprega como entulleira unha praia da Rede Natura

Adega denuncia que Solt Sea Farm está a empregar unha zona protexida de Quilmas (Carnota) para depositar residuos. Pide amparo ao Valedor do Pobo ante a ‘’cumplicidade’’ das administracións.

A multinacional Solt Sea Farm está a amorear na praia de Corna Becerra (Quilmes-Carnota) entullos procedentes das obras que está a realizar nas súas instalacións de piscifactoría. Esa é a denuncia que fai Adega, que acusa a esta empresa de estar a usar a marxe costeira, “en pleno dominio público e dentro da Rede Natura 2000 (ZEC Carnota-Monte Pindo) coma entulleira”.

Adega acusa a administración de non fornecer información sobre as obras de Solt Sea Farm en plena Rede Natura

A asociación ambientalista afirma que nese punto a multinacional está a depositar blocos de cemento e formigón picado, tubaxes e outros materiais plásticos, ferros e outros residuos de demolición, entre os que podería haber tóxicos e perigosos. “Ademais, para poder carrexar estes materiais dende as súas instalacións, abriron un camiño con maquinaria pesada até a entulleira sobre os hábitats (algúns de protección prioritaria) da marxe costeira”.

“Cumplicidade e escurantismo”

Para Adega é máis que indignante que se estea a facer este uso dun “espazo considerado por Europa como de necesaria conservación, por acoller a hábitats sensíbeis, fráxiles ou raros, como é o caso do litoral de Carnota: actividades como a piscicultura industrial, ao contrario que outros usos menos agresivos, semellan ter bula sobre esta privilexiada costa”.

Adega insiste en que até o de agora, a administración rexeitou subministrar información sobre esta obra: permisos, estudo de impacto, medidas correctoras..., “e tivemos que solicitar o amparo do Valedor do Pobo”.

Esta piscifactoría xa ten sido albo de denuncias e críticas, como a da Asociación Ecolóxica de Quilmas por verteduras.