Ecoloxistas critican o "malgasto" na Festa da Auga de Vilagarcía malia a seca

Unha edición pasada da Festa da Auga vilagarciá. (Foto: Turismo Rías Baixas)
Afirman que "non se trata" dos litros de auga que se tirarán, senón da "mensaxe que se traslada á poboación" de que "pode seguir esgotando recursos críticos como a auga".

Ecoloxistas en Acción Rías Baixas vén de cuestionar que o Goberno local de Vilagarcía fomente "malgastar" auga na Festa da auga que a localidade celebrará o vindeiro 16 de agosto a pesar da alerta de seca que sofre o país e no medio dunha vaga de incendios.

Será o retorno deste popular evento do verán após dous anos de pandemia, malia que non voltará cun formato idéntico ao de 2019 por mor da situación actual derivada da seca.

O Concello avanzou que este ano, por mor da escaseza de auga, non se utilizarán mangueiras nin haberá inchábeis acuáticos para as crianzas. "Será unha Festa da auga máis artesá, mollarémonos de un en un", precisaron.

Mais desde Ecoloxistas en Acción inciden en que "non se trata" dos litros de auga que se tirarán, senón da "mensaxe que se traslada á poboación" de que "pode seguir esgotando recursos críticos, como a auga, sen que isto cause graves consecuencias".

Os ecoloxistas preguntan que "autoridade moral" terá o Goberno local de Vilagarcía para demandar aos veciños e veciñas medidas drásticas de aforro no consumo de auga se se prolonga a seca, cando organiza unha festa que a "malgasta".

Así, a organización ecoloxista solicita ao Concello de Vilagarcía que "rectifique e converta a festa da auga nunha oportunidade para concienciar aos veciños da importancia de facer un consumo responsábel dun recurso cada vez máis crítico".

Críticas á Xunta

De forma paralela, desde o colectivo poñen o foco na "falta de medidas" para modernizar a rede de abastecemento "obsoleta" da que dispón a Galiza, que provoca perdas de auga, e culpa o Goberno galego de non adoptar medidas para preservar as zonas húmidas e os acuíferos durante décadas. En consecuencia, "reducíronse case á metade", precisan.