A DXT inicia hoxe unha campaña especial de control de consumo de alcol e drogas entre os condutores na Galiza

Tamén se realizarán probas en zonas urbanas. (Foto: Nós Diario)
Entre o 8 e o 14 de agosto do pasado ano, noutra campaña especial, a Garda Civil realizou 41.519 controis de alcolemia dos que 641 foron positivos, alén doutros 224 de drogas, con 151 positivos.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) comeza esta segunda feira unha campaña especial de control de consumo de alcol e drogas entre os condutores e condutoras da rede de estradas da Galiza que se estenderá até o vindeiro domingo, 20 de agosto. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcolemia e presenza de drogas en diferentes puntos do país co obxectivo de diminuír o seu consumo ao volante.

Alén das vías interurbanas, a DXT fomentará a "colaboración cos concellos das catro provincias" para realizar probas en zonas urbanas, "con especial incidencia nas zonas de maior afluencia turística e de festas populares", precisaron desde a Delegación do Goberno español na Galiza.

Na mesma campaña especial desenvolvida o ano pasado entre o 8 e o 14 de agosto, a Garda Civil realizou 41.519 controis de alcolemia no conxunto do país, dos que 641 foron positivos. Tamén efectuou 224 controis de drogas, con 151 positivos.

Ademais, a 34 condutores e condutoras instruíronselles dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial pola comisión de senllos delitos contra a seguridade viaria.

Alcol 0,0

A Delegación destacou que o alcol está presente como factor concorrente ou causante nun terzo dos accidentes mortais. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre dous e 15 o risco de sufrir un accidente. "A única taxa segura é 0,0%", lembran.

Así, non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía referidos ao ano pasado, a nivel estatal, dos 854 condutores falecidos en accidente de tráfico e sometidos a autopsia e análise toxicolóxica, 443 resultaron positivos en alcol, drogas e psicofármacos, aisladamente ou en combinación.

O alcol segue a ser a substancia máis consumida polos condutores falecidos, seguido da cocaína e o cannabis e, en terceiro lugar, os psicofármacos.