A DXT impón restricións á circulación na Galiza pola previsión de fortes nevadas
A previsión de episodios de neve de especial intensidade entre o 23 e o 25 de xaneiro levou á activación de medidas extraordinarias de tráfico na Galiza. A Dirección Xeral de Tráfico prohibe a circulación de camións en varias vías principais e recomenda evitar desprazamentos innecesarios durante a fin de semana para garantir a seguridade viaria.
A Delegación do Goberno español na Galiza informou de que, ante o risco grave derivado da acumulación e persistencia das nevaradas previstas, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) aprobou unha resolución con restricións temporais á circulación en determinadas estradas do país. O obxectivo é minimizar incidentes, garantir a mobilidade dos servizos de emerxencia e facilitar as tarefas de mantemento viario.
En concreto, queda prohibida a circulación de camións desde o día 23 e até novo aviso en toda a A-52 desde Rionegro del Puente (Zamora) até Ponteareas; na N-541 entre Barbantes e Cerdedo; na AP-53 entre Santiago e Dozón; na AG-53 entre Ourense e Dozón; en toda a N-525; e na N-120 desde Burgos até Ponteareas.
Ademais, a DXT aconsella evitar desprazamentos por estrada durante a fin de semana na metade noroeste da península ante a entrada da borrasca Ingrid. Segundo as previsións da Aemet, o escenario máis adverso espérase para a tarde da sexta feira, con avisos amarelos e laranxas por neve que poderán prolongarse durante o resto da fin de semana e afectar a amplas zonas do centro e do noroeste do Estado.
Neste contexto, Tráfico recomenda extremar a precaución e evitar viaxar non só por estradas comarcais e locais, senón tamén por autovías e autoestradas. Calcúlase que máis de quince vías de alta capacidade de todo o Estado poderían verse afectadas polas condicións meteorolóxicas adversas.
As autoridades insisten en que a cidadanía consulte as fontes oficiais antes de iniciar calquera desprazamento, adapte a condución ás condicións da vía e siga en todo momento as indicacións dos servizos de emerxencia e conservación, co fin de reducir riscos nunha fin de semana marcada polo temporal invernal.