Duras críticas ao PP “por negar por cuarta vez o Parque Natural para o Monte Pindo”

Reivindicación no Monte Pindo

A Plataforma Monte Pindo Parque Natural considera “insultante ver como se terxiversan as cousas neste sistema corrupto, onde os votos do pobo se usan contra o pobo, que neste caso está claramente a favor dunha petición que terá que esperar ao que o PP mude de intereses”.

 

Nunha nota pública, a Plataforma Monte Pindo Parque Natural lamentou que “a maioría absoluta do PP volva a tumbar no Parlamento por cuarta ocasión a iniciativa cidadá de declarar o Monte Pindo Parque Natural. Esta vez a proposición non de lei chegou ao hemiciclo a proposta do grupo parlamentar de AGE, que esixiu por boca da súa portavoz Yolanda Díaz que o goberno galego atendera á demanda veciñal para que a figura do Parque Natural “axude á recuperación do monte despois do lume toda vez que unha recente enquisa demostrou que existe unha unanimidade social en torno a esta iniciativa”.

Desde a Plataforma lamentan que “o Partido Popular volva dar portazo á declaración do Parque Natural, novamente en boca da deputada carnotá Marisol Piñeiro, actualmente imputada ante o TSXG por prevaricación, que volveu a usar o caduco e falso argumento de que @s partidari@s desta iniciativa 'nas súas manifestacións exhiben bandeiras de grupos políticos e non contan co apoio dos veciños', suficiente para despachar unha idea que durante catro anos suma, e segue, apoios masivos, e que tamén se negou a aclarar se quería converter o Monte Pindo nun couto de caza maior”. 

“A realidade é que o Monte Pindo, abandonado e destruído, terá que esperar a que os intereses políticos do PP muden”, afirma a Plataforma, que considera “insultante como se terxiversan as cousas no corrupto sistema político deste país, onde o goberno emanado dos votos do pobo se converte nun goberno contra o pobo, onde unha persoa que mañá pode ser inhabilitada para o exercicio da política hoxe pode ser quen vete a petición de miles de cidadáns, tecido social, empresarial e turístico, concellos e ducias de colectivos da comarca”.