Traxedia en Cerdedo-Cotobade

Dous mortos e tres desaparecidos ao caer un autobús de Monbus ao Lérez en Cerdedo

O autobús sinistrado somerxido polo río Lérez. (Foto: Europa Press).

A traxedia marcou esta Noiteboa na Galiza. Un autobús da empresa Monbús caeu ao río Lérez na parroquia de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, provocando a morte de dous pasaxeiros e a desaparición doutros tres.

Á volta das nove da noite de onte, un autobús que facía a liña regular entre Lugo e Vigo, caeu ao río Lérez desde un altitude de 40 metros, ocasionando a morte de dous viaxeiros e a desaparición doutros tres deles.

O sinistro produciuse na  parroquia de Pedre, no concello Cerdedo-Cotobade, téndose recuperado con vida a unha pasaxeira e ao chofer do vehículo. A esta hora continúase coa busca doutras tres persoas que viaxaban no autobús, aparecendo a última hora de onte dous cadáveres.

As dúas persoas rescatadas con vida atópanse actualmente hospitalizadas. Unha delas, o condutor do vehículo, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, e outra no hospital de Montecelo en Pontevedra.

Familiares de presos de Monterroso

O vehículo transportaba a  familiares de diversos reclusos do cárcere de Monterroso, que tiñan acudido ao presidio para visitar aos seus parentes con motivo das festas do Nadal.

O proceso de rescate dos ocupantes do vehículo está resultando complexa polas condicións meteorolóxicas e a orografía da zona. Neste sentido, están desprazados a zona unidades de bombeiros Pontevedra, Deza, Salnés e o GES da Estrada.

As labores de rescate estanse vendo complicadas pola medre do caudal do río   como consecuencia das intensas choivas dos últimos días pero tamén das dificultades para acceder ao punto onde caeu o vehículo.

Imposibilidade de acceder ao vehículo

Os bombeiros víronse obrigados a paralizar o operativo á última hora de onte, diante da imposibilidade de poder acceder ao interior do vehículo sinistrado, unha parte do cal se atopa somerxido.

Os responsábeis do dispositivo de rescate trasladado á zona prepáranse para continuar os traballos de busca das tres persoas desaparecidas ao longo do día de hoxe. Neste sentido, advirten que a retirada do vehículo non poderá realizarse até que baixe o caudal do río.