Os menores detidos polo 'caso Samuel', en internamento en réxime fechado após un acordo entre as partes

Un dos detidos polo crime, á súa chegada aos xulgados o pasado ano. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Fiscalía e acusacións piden un delito de asasinato para todas as persoas investigadas.

Dous dos detidos polo crime de Samuel Luiz que eran menores de idade cando se produciron os feitos, en xullo do ano pasado, atópanse cumprindo unha medida de internamento en réxime fechado, logo de que as partes persoadas na causa chegasen a un acordo.

Así o notificou esta terza feira Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que non facilitou máis datos en relación ao contido do acordo alcanzado, entre elas pola familia do falecido, ao tratarse de dúas persoas que eran menores no momento dos feitos.

Desde o alto tribunal galego ratificaron que non se atopan en liberdade, posibilidade que existía despois de que se alcanzase o prazo máximo de nove meses de internamento nun centro de menores desde a súa detención se non decorría un xuízo ou se chegaba a un acordo, como foi finalmente o caso, e polo que xa existe sentenza.

En concreto, informa que a principios deste mes xa se condenou estes menores após chegar a un acordo entre as partes antes do xuízo, "polo que neste momento están cumprindo unha medida de internamento en réxime fechado", precisou.

Polo crime de Samuel Luiz foron detidas sete persoas: cinco adultos, entre eles unha muller, e os dous mozos que eran menores no momento dos feitos.

Para eles decretouse o ingreso nun centro de menores e para os tres adultos o seu ingreso en prisión. No caso dos outros dous, entre eles a muller, atópanse en liberdade, aínda que investigados, por estes feitos.

Pola morte do mozo, após unha brutal malleira á saída dun local na avenida de Bos Aires da Coruña, na madrugada do 3 de xullo, Fiscalía e acusacións piden un delito de asasinato para os investigados. Polo de agora, estase á espera de que se fixe data dun xuízo que fontes consultadas por Europa Press non sitúan antes do verán.