Propoñen tamén medidas estritas para acceder ao territorio da UE

Dous científicos galegos decántanse por confinar Europa durante 15 días

Imaxe de arquivo (Foto: Arxina)
Dous matemáticos galegos, das universidades de Compostela e Vigo traballan no desenvolvemento de modelos predictivos ante a crise sanitaria pola Covid-19.

O catedrático de Análise Matemática da USC (Universidade de Santiago de Compostela), Xoán Xosé Nieto, e o profesor da Universidade de Vigo, Iván Area, desenvolven modelos matemáticos de predición desde o comezo da crise sanitaria da Covid-19.

A cifra de falecementos, así como a saturación dos hospitais e das salas de críticos, son algunhas das consecuencias da pandemia nas que centran os seus estudos.

Segundo as predicións extraídas até o momento, “non son evidentes as medidas a adoptar”, explican Nieto e Area. 

Porén, asocian as actuacións no plano local a “unha melloría nun breve espazo de tempo”, se ben eles recomendarían a toma de “decisións globais ou en territorios moito máis amplos que o que se estivo a facer até agora".

Neste sentido os científicos decántanse por “un confinamento real en toda Europa durante 15 días, e posteriores corentenas estritas para persoas que entren no territorio europeo”.

O traballo desenvolvido consta de dúas partes diferenciadas, por unha banda, o deseño dun modelo matemático que permita predicir o avance da pandemia.

Por outra banda, unha vez obtidos datos mediante predición, os científicos céntranse en estimar cantas persoas afectadas poden  necesitar asistencia nas unidades de coidados intensivos.