DomusVi suma catro residencias intervidas na pandemia tras a tutela da de Ribadumia

Alberto Núñez Feixoo, Josefina Fernández e Ana Pastor, no acto de entrega dun galardón á responsábel de DomusVi en 2016 (circulo.gal)
É o segundo xeriátrico que a Xunta controla esta semana 

A Xunta da Galiza interveu onte a residencia da terceira idade DomusVi Ribadumia tras rexistrar 25 casos positivos da Covid-19, dos que 20 corresponden a usuarios e usuarias e 5 ao cadro de persoal. Así o informou nun comunicado de prensa a Consellaría de Sanidade, que explicou que adopta esta medida "co fin de reforzar o persoal do centro".

Sanidade agregou que "unha vez avaliada a situación de DomusVi Ribadumia" este departamento e o de Política Social "acordaron tomar esa medida co obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde tanto das persoas usuarias como dos traballadores do centro".

Desde a entrada da Galiza na nova normalidade a Xunta tomou o control de 6 xeriátricos: a residencia do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, DomusVi Lugo en Outeiro de Rei, a residencia El Pinar, en Culleredo, a dos Gozos de Pereiro de Aguiar, tamén da Fundación San Rosendo, e mais as dúas intervidas esta semana.

Críticas de familiares

Rede, a plataforma que agrupa asociacións de residentes e das súas familias, publicou esta mesma semana un comunicado no que reclama á Xunta da Galiza endurecer os controis á multinacional DomusVi. Os seus integrantes denuncian que a solución da compañía ao gromo en Ribadumia pasou por encerrar os anciáns e as anciás do centro nos seus cuartos. A maiores, aseguran que o persoal non conta co material de protección adecuado. "Non hai profesionais suficientes", din.

A plataforma critica que se rexistraron contaxios en dez das trinta residencias que xestiona a multinacional na Galiza, o que achacan a esa falta de equipos de protección individual e outras subministracións entre as traballadoras. Acusan así a empresa de pór en perigo a saúde das e dos residentes e mais do propio cadro de persoal.

Galiza rexistrou onte un total de 360 usuarias e usuarios de residencias contaxiados da Covid-19, unha cifra superior á da terza feira após a detección dunha trintena de casos novos, na súa meirande parte de Ribadumia. Segundo os datos de Política Social, a residencia con máis usuarios contaxiados é a de Salvaterra do Miño, con 84 casos activos; seguida da dos Gozos en Pereiro de Aguiar, que suma 78; e a Residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, con 76. Ribadumia e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia acumulan 20 usuarios infectados, en cada un dos casos.