Documentan a presenza da 'Centaurea gallaecica' na Galiza, unha planta endémica ameazada por Altri

Exemplar de 'Centaurea gallaecica', na comarca de terra de Melide. (Foto: Iván Orois Longarela)

Coñecida desde 2012, esta especie é exclusiva da Terra de Melide e está catalogada como vulnerábel.


 

Por primeira vez, un traballo de investigación analiza a presenza na Galiza da Centaurea Gallaecica, unha planta vascular endémica rexistrada como vulnerábel no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Hai apenas unha década que se coñece e talvez por iso non goza dun nome común na contorna onde está documentada. A Centaurea gallaecica dáse en exclusiva nas rochas ultrabásicas do centro da Galiza, desde Teixeiro (Curtis, As Mariñas) até Cira (Silleda, O Deza), mais goza de especial implantación na zona das rochas serpentínicas perto de Melide, onde Altri pretende instalar a súa macrocelulosa.

Os investigadores Iván Orois Longarela e Martiño-Fiz López Lindoso, ambos colaboradores da organización ecoloxista Adega, veñen de publicar no derradeiro número de 2025 da revista Micolulus, un artigo no que actualizan a distribución e caracterización do hábitat desta planta do xénero das centaureas, acubillo doutras moitas, moi parecidas, de flores moradas e de baixo porte.

"Para facerse unha idea, o mellor é pensar que son da familia dos cardos", explica a Nós Diario o biólogo Iván Orois Longarela, quen xustifica a necesidade e a oportunidade de estudar unha especie que apenas se mencionou durante a tramitación do proxecto da multinacional portuguesa.

"Na zona afectada por Altri hai tres especies de plantas endémicas das xa se falou máis veces, as mesmas que xa estiveran implicadas na modificación do trazado da A-54, hai un lustro", especies cunha protección legal "seria" catalogadas en perigo de extinción.

Destas tres especies –a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi), a margarida de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis)– hai moita máis información que da Centaurea gallaecica, sobre a que agora chaman a atención os investigadores, "unha planta que nunca se chegou a avaliar, polo que non se sabe se esta especie foi a menos nalgún momento ou non".

Protección sen escusas

O estudo de Orois Longarela e López Lindoso senta as bases para poder avaliar no futuro a presenza, distribución e coidado da Centaurea gallaecica no seu hábitat. O seu é un traballo que busca emendar a falta de atención que Administración e empresas lle dedicaron até o momento a esta especie. Para iso, visitaron "moitísimos lugares na súa busca e identificamos a planta en 111 cuadrículas de 1x1 km", un rexistro que "dentro de 10 ou 20 anos" servirá para ver se desapareceu dalgunhas zonas e por que.

A Centaurea gallaecica é unha especie que habita en zonas soleadas, en áreas con solos moi pouco profundos, con moita pedra e moi despexadas de vexetación. "O que lle vén mal é a sombra, por exemplo, dunha plantación nova de eucalipto ou o crecemento excesivo de vexetación polo abandono de prácticas tradicionais".

Os investigadores identifican "moitos problemas" que amezan esta especie de centaurea que tamén sofre o "dano directo" das intervencións que se proxectan habita. "Se a especie está presente nunha área pequena e proxectas aí unha fábrica que ocupa boa parte, destrúela de forma directa".

Orois Longarela asegura que coa nova información recollida xa non hai escusa para a protección da natureza por parte da Administración. Nin das tres especies xa coñecidas como desta cuarta. "Intentaremos que se faga unha boa defensa deste patrimonio biolóxico, nunha Zona de Especial Conservación (ZEC) da Serra do Careón que xa machacamos moitas veces en nome do chamado progreso".

Sobre esta zona, advirte o biólogo, pasa unha estrada estatal que no seu momento dividiu o territorio. "Despois fíxose o polígono industrial da Madanela, cos seus recorrentísimos episodios de contaminación ao río Furelos, que tamén fai parte desta área protexida". Unha presión máis foi a autoestrada Santiago-Lugo, "que pasou co único argumento de que era un proxecto de interese xeral, porque non había forma de xustificalo". E agora Altri, ademais dos parques eólicos que se instalaron na serra, conclúe Iván Orois Longarela, quen chama a evitar calquera nova presión que vaia contribuír á perda de máis patrimonio natural. "Porque xa perdemos moito e nunca saberemos todo o que quedou atrás".

Conservación da biodiversidade

Segundo os autores do estudo, os criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a perda ou recesión constatada da área de distribución de Centaurea gallaecica podería provocar o seu paso da categoría vulnerábel á de en perigo, o que implica o aumento do risco de extinción "por unha actividade económica evitábel e que non precisa localizarse na área de ocupación desta especie endémica".

Os investigadores poñen de relevancia a importancia da conservación da biodiversidade, especialmente no caso de especies escasas ou ameazadas, nun contexto de crecente presión ambiental e cambio climático. "Só a través do coñecemento rigoroso do territorio e das súas especies é posíbel valorar e protexer axeitadamente xoias naturais únicas como Centaurea gallaecica, patrimonio natural do centro da Galiza", conclúen.