Docentes fican sen a segunda dose de AstraZeneca após máis de doce semanas

Unha muller recibe a segunda dose da vacina de AstraZeneca en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
12 semanas fora o prazo estabelecido por Saúde Pública para inocular o segundo vial de AstraZeneca.

Un grupo de docentes de Secundaria dun instituto público da área sanitaria da Coruña-Cee —que prefiren ficar no anonimato— fixo saber nesta cuarta feira a Nós Diario que, malia se cumprir o pasado 25 de xuño o prazo de doce semanas decretado por Saúde Pública para recibir a segunda dose da vacina de AstraZeneca, aínda non recibiron ningunha comunicación por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para completar a inmunización.

"Sabemos que noutras áreas si están vacinados os profesores das mesmas características. Presentamos varias incidencias no departamento de vacinación do Sergas e na Valedora do Pobo, e non temos resposta de cando imos ser convocadas", lamentan.

Fontes da área sanitaria consultadas por este xornal sinalaron que "aínda é cedo": "Se o prazo se cumpriu o día 25, hai tempo, chamarán nos próximos días".

"Se chamasen hoxe ou mañá sería estupendo, mais non invalidaría o sentimento de inxustiza, impotencia e medo que sentimos", replican as e os docentes, que aseguran que con compañeiros e compañeiras doutros centros de ensino da mesma área si se respectou o prazo.

"Xa pasaron as doce semanas e estou vendo que se adianta a administración da segunda dose noutros colectivos maiores de 60 por medo ao contaxio das novas variantes, e non entendo que non fagan o mesmo con nós", lamenta outra das persoas docentes deste centro de ensino.

Mobilizacións da CIG

Por outra banda, a CIG-Ensino denunciou na cuarta feira a "total ausencia de interlocución" coa Consellaría de cara ás medidas a adoptar no vindeiro curso escolar, e anunciaron que continuarán as mobilizacións "contra os recortes de profesorado previstos".

"Ás portas dun novo curso incerto debemos seguir vixilantes coa Covid-19, mais non deixamos de lado que volver ás andadas nas ratios e os recortes só vai provocar problemas e perda de calidade no ensino público", advertiron.