Unha docente á espera da segunda dose da vacina: "Somos os únicos cos que non se está respectando a prescrición"

Aula de secundaria dura te a pandemia. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
O profesorado urxe que lle poñan a segunda a dose a todas as docentes que esperan desde hai case catro meses.

"Este escrito é unha chamada de socorro polo desamparo sanitario e o esquecemento administrativo no que sumiron o persoal esencial" da Galiza con respecto á segunda dose da vacina contra a Covid-19.

Así comeza a carta que unha docente do sistema educativo galego remitiu a Nós Diario e na que sinala a responsabilidade do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mais dos seus conselleiros de Sanidade e Educación na demora que acumula o profesorado na súa inmunidade fronte ao coronavirus.

"Na maioría dos casos, se nos vacinasen como a poboación xeral, por idade, xa teriamos a pauta completa; e ademais, con vacinas exentas de polémica, porque abriron a porta unha semana para poñernos a primeira dose de AstraZeneca aos maiores de 55, axiña e correndo, nos festivos da Semana Santa, co mesmo escurantismo co que se legalizou o Partido Comunista nas mesmas datas de 1977".

No texto, esta docente fai referencia ao colectivo de traballadoras esenciais e, en particular, ao corpo docente. "Hai compañeiros que van pola semana 14 desde la primeira dose y sen data para a segunda, cando se recomenda, e así se nos dixo ao poñer a primeira, unha espera de entre 10 e 12 semanas".

Comprometidas coa seguridade

Na súa misiva, lémbralle ás autoridades o traballo exemplar do colectivo docente durante o curso que está a piques de rematar.

"Se o curso foi ben foi grazas ao profesorado que velou pola seguridade de todos incluso tendo que desoír instrucións da propia en materia de ventilación, claramente insuficientes. E foi tamén grazas á colaboración do noso alumnado", escribe.

A docente defende o esforzo do profesorado incluso "nos peores momentos". "E aí seguimos, atendendo as obrigas co noso alumnado nas probas da ABAU e en próximas datas participando nas oposicións docentes como tribunais ou opositores".

Non máis demoras

Neste sentido, recalca, "non queremos aplausos nin medallas, só que nos poñan a segunda dose da vacina, mesmo con consentimento informado, un claro agravio comparativo con respecto ao resto da poboación".

"Non só debemos asumir o risco, como resto, tamén nos exixen a responsabilidade sobre un acto cuxo alcance descoñecemos. E aínda así, exiximos a nosa segunda dose sen dilación, porque somos os únicos cos que non se está respectando a prescrición".

E conclúe, "se seguen sen cumprir co seu deber de nos protexer, teremos que acudir á Xustiza como único medio para salvagardar os nosos dereitos e exixir responsabilidades a quen corresponda".