Denuncia que Feuga discrimina profesionais galegos

“Dixéronme que non podía colaborar con eles porque non era de fóra”

Sede de Feuga

O consultor político Santiago Martínez Suárez vén de denunciar a política de descriminación do organismo Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) a respecto dos profesionais galegos. Así o publicou na súa conta da rede social Facebook: “Como sabedes, dixéronme que non podía colaborar con eles porque non era de fóra, preferibelmente de Madrid”.
 

Martínez Suárez referíase aos cursos que ofrece a entidade, encargada de mediar entre a universidade e as empresas galegas. “Nos últimos 30 cursos do último trimestre de 2017, entre os seus 27 poñentes só hai un licenciado das tres universidades galegas”, engadiu.

 

“Non poño en dúbida a calidade dos excelentes profesionais que impartiron os mencionados cursos”, continúa na súa entrada de Facebook, redactada en castelán, “o que pretendo é deitar luz sobre unha política discriminatoria evidente e unha visión pailana por parte dos dirixentes desta entidade que, insisto, din ser a ponte entre as universidades galegas e as empresas”.

 

“Feuga é unha entidade sen ánimo de lucro e de dereito privado , especializada na transferencia de coñecemento, innovación e tecnoloxía desde o sistema universitario de Galiza ao mundo empresarial e á sociedade en xeral”, expón o organismo nos seus principios, e así o lembra Martínez Suárez.

 

Licenciado en dereito e asesor de políticos de moi distinto signo, afirma que xa levou a súa denuncia ao Valedor da Comunidade Universitaria de Compostela. “Agardo que o rector investigue que está pasando con esta política segregadora que ademais devalúa o nivel das licenciaturas galegas entre o empresariado galego poñendo en valor só profesionais de fóra de Galiza”, conclúe.